CEG

 

A Comisión de Enerxía da CEG aborda a planificación de rede de infraestruturas eléctricas que debe garantir a viabilidade dos proxectos industriais e enerxéticos de Galicia

A Comisión de Enerxía da CEG aborda a planificación de rede de infraestruturas eléctricas que debe garantir a viabilidade dos proxectos industriais e enerxéticos de Galicia

A Comisión de Enerxía da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reuniuse, en Santiago, coa presenza de delegada rexional noroeste da Rede Eléctrica de España (REDEIA), Isabel Pariente Muñoz.

A Comisión repasou cuestións sobre as que vén traballando nos últimos meses, como:

  • O papel fundamental que xoga o custo enerxético para a competitividade das empresas. 
  • A necesidade de dar o impulso definitivo á produción renovable e o problema que supoñen as trabas administrativas para ese despregamento. 
  • A situación privilexiada de Galicia e a súa dotación de recursos naturais de primeira orde.
  • O potencial e aposta pola produción de hidróxeno que se está facendo e que non debe ser penalizada pola falta dunha infraestrutura de conexión e transporte. 
  • A reforma do mercado eléctrico na Unión Europea e a proposta presentada polo Goberno de España.
  • Os problemas que atoparon os proxectos de enerxía renovable (eólicos) sistematicamente recorridos e que supuxo a súa paralización en moitos casos e en particular o último paso dado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que presentou unha cuestión prejudicial ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, sobre a transposición de España da Directiva 2011/91/UE.
  • A burocracia que leva aparellada a posta en marcha dos puntos de recarga de vehículos eléctricos.

O punto central da reunión foi a planificación eléctrica 2021-2026 e o peso de Galicia na mesma. 

Coa aprobación do Real Decreto-lei 20/2022 de 27 de decembro, iniciouse un proceso para a actualización da planificación aprobada co obxecto de incluír aquelas actuacións urxentes que sexan estratéxicas e prioritarias para a transición enerxética e impulsar a industrialización.

Como resultado deste proceso de modificación, o custo de investimento asociado á vixente planificación vese incrementado en 321 M€, dos que 105 millóns destínanse a actuacións en Galicia e súmanse aos 68 millóns iniciais. En definitiva, o orzamento asignado a Galicia pasa a supor un 2,6 % do total estatal.

Durante a reunión, púxose de manifesto o condicionante que supón á planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica o límite normativo ao valor do investimento, que tendo en conta o previsible salto cara á electrificación nos próximos anos, debería ser revisado á alza.

O presidente da Comisión de Enerxía da CEG, Diego Vázquez Reino, advirte que "coas modificacións da planificación actual sobre a mesa, e coa tramitación da nova iniciada, é o momento de analizar e valorar se as actuacións previstas van garantir a conexión eléctrica de todos os proxectos industriais que se están desenvolvendo en Galicia, e prestar a nosa colaboración, para que as decisións que se tomen permitan afianzar un proceso de reindustrialización no que nos xogamos moito".

Actualmente estase preparando a planificación correspondente ao período 2025-2030. O 23 de decembro de 2023 publicouse no BOE a orde pola que se inicia o procedemento para efectuar propostas e incorpora os principios que han de rexer a elaboración da planificación: convócase aos actores do sistema eléctrico, ás comunidades autónomas e aos promotores de novos proxectos de xeración e consumo eléctrico á realización de propostas de desenvolvemento das redes de transporte de enerxía eléctrica. O prazo para a remisión de propostas está aberto até o próximo 31 de marzo.

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, afirma que "nunha sociedade que aspira a electrificar a súa economía, contar coas infraestruturas suficientes que cubran as necesidades dos proxectos que se están desenvolvendo, é absolutamente prioritario. Seguiremos con detalle a evolución dos plans e a súa execución". 

Durante esta Comisión tamén se abordou a situación dos proxectos enerxéticos en suspenso ou cuxas autorizacións foron recorridas, especialmente tras a cuestión prejudicial que expuxo o TSXJ ante o TJUE e que xera unha maior incerteza, pois se cuestiona a transposición da Directiva 2011/91/UE e que podería ter unha repercusión moito máis ampla sobre proxectos industriais de diferente natureza e respecto dos que se xera incerteza.

Tendo en conta os prazos de resolución deste tipo de recursos, poderiamos estar a falar de máis dun ano e medio e iso repercutirá negativamente na toma de decisións das empresas promotoras.   

"Dende a Comisión de Enerxía da CEG sumámonos á preocupación do sector eólico e de todo o sector industrial en xeral, porque ademais da paralización de parques en tramitación en Galicia, está a cuestionarse, anos despois, a transposición da directiva europea e por tanto as autorizacións que se tramitaron en España desde a súa aplicación", apunta Vieites.

Sen prexuízo da análise xurídica da cuestión que poida realizarse, "as súas consecuencias poden ser de extrema gravidade para o noso tecido empresarial e o seu futuro a pesar do rigoroso traballo realizado pola administración na tramitación dos proxectos: No 2023 se validaron 45 expedientes e rexeitáronse 48", lembran.
 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.