O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, reuniuse co seu homólogo na Autoridade Portuaria de Vigo (APV), Carlos Botana, para tratar asuntos de interese para ambas as institucións, como a importancia da mellora da conectividad do Porto de Vigo; a necesidade de reorganizar espazos; o Plan de Usos; a situación actual de Stellantis; a Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra - As Neves (PLISAN); a Autoestrada do Mar; a integración porto-cidade; o desenvolvemento do Plan de Investimentos do Porto; e "a importancia e necesidade de converter ao Porto de Vigo en porto nodal dentro da Unión Europea".
Con relación ao Plan de Usos e ao informe de impacto ambiental do mesmo, demandaron axilidade nos prazos. En canto ao ferrocarril, Vieites sinalou "a necesidade de operadores ferroviarios, posto que hai unha crecente demanda para que as mercadorías saian por ferrocarril desde o porto. Requírese que os trens de ADIF cheguen á terminal. Debemos atender á potencialidade do transporte ferroviario desde o porto tanto cara á meseta e Europa vía Ourense, como cara a Portugal, neste último caso abordando a problemática de cambiar de operarios en Tui. Fan falta novas concesións".
Por outra banda, coincidiron en que na terminal de Bouzas "existe unha necesidade real de ampliar espazo". Tamén se referiron ao bo funcionamento que está a ter a Autoestrada do Mar cara a Bruxas a través de Francia, o que fai necesaria unha ampliación co mínimo impacto ambiental para incrementar o tráfico de mercadorías e servizos desde o porto olívico. "É preciso reorganizar espazos e contar con maior espazo na PLISAN", aseguraron.
De igual forma, defenderon a necesidade de seguir apostando pola apertura do porto á cidade con novas ideas e novos proxectos, como, por exemplo, na zona de Orillamar.
Por último, desde a CEG destacaron que é imprescindible que "o Ministerio de Transportes e Portos do Estado reclamen á Unión Europea que contemple a Vigo nos seus mapas como porto nodal". Neste contexto, lembraron que nel se reciben o 70% das exportacións e saen o 30% das importacións de Galicia por vía marítima. "Requirimos dun porto máis competitivo, eficiente, con tarifas e tempos adecuados nas cargas e descargas e que aproveite o potencial tráfico de entrada e saída de colectores por ferrocarril".
Así mesmo, subliñaron a necesidade de que "o comisionado do Corredor Atlántico visualice que para dar servizo ás empresas o ferrocarril chegue en condicións de competitividade até o porto vigués".
Pola súa banda, desde a APV, Botana destacou que "é imprescindible" que o Porto de Vigo salga en todos os mapas europeos como porto nodal para que se lle dea a importancia real que ten na economía galega. "Nunca vou renunciar a iso", asegurou.