A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebrou a súa asemblea xeral ordinaria, en Santiago, coa asistencia da directora xeral do IGAPE, Covadonga Toca, en representación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para clausurar o devandito evento.
O asunto central da asemblea foi a aprobación, por unanimidade, das contas do 2022, que arroxan un resultado positivo.
Ratificouse a incorporación de Asociación de Traballadores Autónomos de Galicia (ATA) á CEG e ratificouse tamén a constitución a Comisión Mar-Industria, que ten como obxectivo defender as necesidades e intereses deste importante sector e que "vén reforzar un espazo de acción e representación imprescindible polo peso e importancia que no noso tecido produtivo ten. E que contribuirá (xa o está facendo) a que Galicia e as súas empresas sigan sendo un referente para o sector, pero sobre todo que as empresas atopen un marco idóneo para competir, desenvolverse, crecer e achegar valor", sinalou o presidente da CEG.
Así mesmo, aprobouse a memoria de actividades 2022, que reflicte a intensa actividade institucional e de proxectos da organización, durante un exercicio marcado pola crise enerxética e a guerra de Ucraína. E deuse conta, en detalle, dos diferentes convenios de colaboración e acordos alcanzados coa Xunta de Galicia, entidades financeiras e outras institucións e empresas.
Juan Manuel Vieites, explicou que "estamos diante dun escenario de estabilidade económica que nos permitirá centrarnos no importante: defender os intereses das empresas de Galicia. Podemos dicir que temos unha organización máis forte e representativa co importante reforzo que realizamos para incorporar novas empresas ao Consello Asesor e coa integración de ATA Galicia como organización sectorial máis importante dos autónomos na nosa comunidade".
Sobre o traballo que queda por diante, Vieites detallou que será imprescindible cohesionar territorialmente Galicia coas infraestruturas necesarias que reforcen a competitividade das nosas empresas; a execución dos Fondos Next Generation; concluír a transición enerxética e a dixitalización das empresas; dar resposta ás necesidades de man de obra que neste momento non se poden cubrir; axilizar e facilitar o desenvolvemento de actividades produtivas e industriais mellorando os procedementos administrativos; dotar de seguridade xurídica e confianza a quen están dispostos a apostar por Galicia; traballar en favor dun modelo fiscal que atraia o investimento e non promova a fuxida de oportunidades cara a outros territorios; e mellorar o sistema de formación profesional incorporando cada vez máis a práctica e a dualidade no sistema formativo.
Nestes e moitos outros desafíos coincidiron o presidente da CEG e a directora do IGAPE, Covadonga Toca, reiterando a necesidade dun traballo en estreita colaboración entre os sectores público e privado, as empresas, as administracións públicas e os gobernos.
Doutra banda, chamouse a atención sobre a constitución da Comisión de Enerxía, que nace en 2022, co obxectivo de analizar a situación de Galicia tanto como potencia produtora como tamén como consumidora industrial para buscar e propor accións que contribúan a aproveitar os recursos que Galicia ofrece para a instalación produtiva por unha banda e para contribuír á redución do prezo da enerxía que desde 2022 está a lastrar notablemente a competitividade empresarial.
E lembrouse o intenso traballo pola defensa do Corredor Atlántico de Mercadorías, tanto a través da Comisión de Infraestruturas da CEG como no ámbito institucional, estreitando a cooperación coas Confederacións Empresariais de León (FELE) e de Asturias (FADE). "Mantivemos, tanto en solitario como en cooperación coas organizacións do noroeste de España, unha comunicación constante coa Xunta de Galicia e especialmente co Goberno de España. E solicitamos con insistencia a necesidade de contar cun Comisionado para o Corredor atlántico e desde o seu nomeamento pedimos a súa comparecencia, que como sabedes tivo lugar hai poucas semanas".