Neste número recóllese a decisión da Comisión Europea de seguir apoiando a estrutura EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal nos próximos dous anos, o que vai permitir a potenciación da cooperación transfronteiriza e a mellora da cohesión existente entre ambos os países.
No boletín recóllense as melloras na taxa de crecemento de ambos os países como consecuencia da aprobación en xuño de 2021 do uso dos fondos de recuperación e resiliencia da Unión Europea co fin de impulsar as súas economías seguindo os obxectivos marcados no plan nacional de cada país.
Recóllese tamén a importante reforma laboral no ecosistema español aprobada en decembro de 2021 a cal busca dar resposta aos obxectivos marcados no Plan de Recuperación e Resiliencia español para mellorar o funcionamento do mercado laboral.
Ademais, inclúese o Proxecto de Lei de fomento do ecosistema das empresas emerxentes, máis coñecido como Lei de Startups que busca establecer unha contorna favorable para a creación deste tipo de empresas, e tamén para os emprendedores e traballadores a distancia coñecidos como “nómades dixitais”.
Finalmente inclúese un apartado coas principais novidades en materia de desprazamento de traballadores no marco da prestación de servizos dentro da Unión Europea. Por último, analízase unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea en materia de sancións e recompílanse as consecuencias que ten a nova Directiva 2020/1057 para o transporte de mercadorías.