O Comité Executivo da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) mantivo, este xoves, unha reunión ordinaria, como órgano executivo de goberno da organización.
Trátase da primeira reunión desde a celebración das eleccións autonómicas do pasado mes de febreiro e, en consecuencia, analizaron o transcurso do proceso e trasladan o seu agradecemento a todos os partidos que concorreron e especialmente a todas as persoas que integraron as listas, polo seu esforzo e compromiso realizado ao servizo de Galicia e que o seguirán realizando na súa maioría durante o próximos catro anos.
Así mesmo, sinalan que "a CEG seguirá traballando estreitamente co novo goberno da Xunta de Galicia, no deseño, cando así proceda, e coa implementación de políticas en favor dunha comunidade autónoma na que as empresas atopen un marco cada vez máis atractivo para nacer, para producir, para crecer, para xerar emprego, para integrarse e en definitiva para construír un país e unha sociedade mellor".
Igualmente, felicitan a Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, polos resultados obtidos e anímano "a traballar, a nivel autonómico, para que desenvolvamos a nosa actividade sen turbulencias, para que sigamos producindo, máis e mellor, e para facer crecer o noso territorio. Pedímoslle tamén que reclame do Estado o cumprimento dos seus compromisos en diferentes materias por exemplo infraestruturas. É necesario dialogar, negociar e entenderse co goberno de España e seguir unha senda única que derive no benestar común e evite a discriminación de cidadáns ou territorios. As empresas apostamos por Galicia e pola creación de riqueza e emprego. Contribuímos na consecución de solucións. Somos facilitadores, colaboradores".
O Comité Executivo participou xa no mes de xaneiro das propostas que a CEG trasladou aos diferentes grupos políticos incluído o propio Partido Popular de Galicia, propostas que agora serán obxecto de seguimento.
Entre elas, incorporábanse propostas transversais e que afectan a todo o empresariado, pero tamén algunhas propostas sectoriais.
A CEG estará pendente da composición do goberno que xunto co presidente da Xunta de Galicia aborde esta nova lexislatura, para trasladar a cada departamento as cuestións de interese que lle competan e seguir así traballando ao servizo do empresariado galego.