CEG

 

A CEG mostra o seu apoio á adopción das medidas necesarias para que a produción de enerxía en Galicia redunde na competitividade das empresas

A CEG mostra o seu apoio á adopción das medidas necesarias para que a produción de enerxía en Galicia redunde na competitividade das empresas

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) mostra o seu apoio "á introdución de medidas que, sempre sen prexuízo do marco xurídico e da necesaria seguridade xurídica, supoñan que as empresas e autónomos de Galicia, conten cun soporte que garanta que no futuro serán beneficiarias dos recursos propios da súa terra, da nosa terra".

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, asegura que "estamos nun momento clave para definir o futuro produtivo da nosa comunidade e iso debe pasar necesariamente pola industrialización e o establecemento de unidades de produción en Galicia. A dispoñibilidade de enerxía a prezos competitivos, así como a súa orixe renovable, son factores esenciais para atraer e reter proxectos en Galicia e contamos con condicións idóneas para a produción de enerxía renovable e en particular para a produción de enerxía eólica".

Por todo iso, o empresariado considera "lóxico e innegociable" que a produción de enerxía en Galicia redunde en beneficio das comunidades locais e consecuentemente nas empresas e profesionais que desenvolven a súa actividade no devandito territorio.

Sinalan que a Lei 2/2024, de 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, ten por obxecto promover o desenvolvemento sustentable mediante a regulación e promoción de actuacións e instrumentos como a procura do maior beneficio social e económico na execución dos proxectos, entendendo como tales beneficios, entre outros, a redución dos custos da enerxía e a redución da dependencia enerxética das persoas consumidoras locais e industrias do ámbito de influencia dos proxectos.

Así pois, inciden en que "as medidas que en materia enerxética contribúan aos devanditos obxectivos merecen unha valoración positiva, pois contribuirán, á súa vez, á competitividade das nosas empresas e á imprescindible transformación de Galicia".

Neste sentido, lembran que "as empresas que producen enerxía en Galicia veñen contribuíndo xa desde hai moito tempo con parte dos seus beneficios por diferentes vías ademais do emprego e dos investimentos, ao noso desenvolvemento, iso é indubidable. Como tamén o é que queremos que sigan facéndoo. O obxectivo de conseguir que os galegos podamos sacar partido da enerxía que producimos é, cando menos, unha boa noticia".

A isto engaden que é importante concretar o modo en que se materializa dita contribución e para iso entenden como imprescindible "traballar dende o diálogo e o entendemento", para calquera adaptación que se pretenda das condicións dos proxectos  de enerxía en Galicia.

Vieites subliña que "é necesario seguir apostando e profundando na sostibilidade do noso territorio e nun maior beneficio social e económico dos seus actores e en particular na redución dos custos da enerxía e da dependencia enerxética; iso debe realizarse sen prexuízo do marco xurídico do mercado eléctrico, da liberdade de empresa e dos principios e liberdades do Mercado Único Europeo. En definitiva, traballando en favor da consolidación dun marco que ofreza seguridade xurídica aos operadores económicos e incentive o investimento e a actividade en Galicia".

A CEG recapitula que, neste momento, Galicia conta con máis de 50 proxectos paralizados por medidas cautelares ou á espera da cuestión prejudicial elevada ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

"Non podemos permitirnos introducir máis incerteza, senón traballar en favor dos obxectivos expostos desde a certeza e a confianza", advirte Vieites, que engade ademais que "Galicia debe apostar por medidas que apoien e favorezan ás empresas que estean establecidas no territorio e especialmente onde se produce enerxía verde, como xa puxeron en marcha outras comunidades autónomas. Non podemos quedar atrás". 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.