Falámoslle aos homes e ás empresas.
A implicación duns e outras na igualdade é imprescindible para poder alcanzala.
É certo, a sociedade está a cambiar.
A presenza da muller na esfera pública e no mercado laboral é cada vez maior. E os homes están a aumentar a súa implicación e presenza nas tarefas domésticas e de coidados. De forma máis clara nas novas xeracións e nos novos modelos familiares.
Os motivos: maior concienciación, maior capacidade de negociación da muller desde que ten ingresos propios, cambios lexislativos, cambios no mercado de traballo, tanto a nivel tecnolóxico como organizativos.
Pero o cambio é lento.
As cifras “cantan”. O colectivo masculino segue dominando a economía, a política, é dicir, a esfera pública.
Segue na mentalidade social a concepción do traballo como eixo central do colectivo masculino.
A pesares de que cada vez se cuestionan máis (tamén eles) os privilexios patriarcais, os estereotipos de xénero persisten, sustentados pola segregación, á hora de elixir, tanto as mulleres como os homes, os itinerarios formativos. De aí a insistencia, cando se fala de igualdade, en ter en conta a neutralización dos estereotipos de xénero dende a educación infantil, apoiado na formación de todo o profesorado, masculino, feminino, e desde as escolas infantís ata os niveis universitarios.
Parece que xa está claro que, para conseguir a igualdade real, necesítase a todo o mundo, pero, como a maioría do colectivo feminino xa promove este obxectivo, é fundamental contar co tecido empresarial e o colectivo masculino para lograr a equidade de xénero, a diversidade e a inclusión:
- Por unha banda, as empresas teñen un papel clave, tanto en promover a diversidade de xénero como a igualdade, porque non só afecta dentro das organizacións, tamén impacta, de forma importante, na sociedade.
- Por outra banda, os homes tamén poden ter un papel determinante, tanto na equidade no ámbito laboral, como na corresponsabilidade na esfera privada.
Imos aos centros de traballo ver como lograr a súa involucración:
Para contar co apoio dos homes para a contratación e o avance das mulleres, que brinden o seu apoio e que axuden a crear unha cultura inclusiva, que colaboren na erradicación da discriminación e os prexuízos… deberían buscarse medidas que os “incentiven” de forma suficiente e adecuada.
Cada empresa deberá buscar as fórmulas máis adecuadas para o seu negocio, pero, de forma xeral, estas tres medidas son necesarias en todos os casos:
Sensibilizar ao colectivo masculino con iniciativas que promovan a equidade laboral nas empresas (cuestionar os nesgos inconscientes que temos desde a infancia, integrar comités de equidade, participar en programas de mentoría e liderado para mulleres etc.), pódese conseguir que interioricen esas vantaxes inxustificadas, serán quen de desafiar as estruturas e sistemas instaurados en toda a sociedade que producen exclusión e desigualdade.
Facilitar (formando, informando…) datos sobre os beneficios/vantaxes de que os homes tamén se comprometan coa igualdade.
Compartir exemplos de éxito de empresas que xa teñan implementadas medidas que funcionasen para fomentar e apoiar a igualdade de oportunidades.
Para que as organizacións teñan clara a importancia de involucrar ao colectivo masculino na defensa da igualdade no ámbito laboral, vexamos 3 das moitas razóns que existen:
1. Posibilita de forma importante a prevención dos potenciais danos que provocan as culturas discriminatorias e o acoso no lugar de traballo.
2. Hai beneficios claros de que todo o mundo (homes incluídos) reme a favor da igualdade: maior colaboración, máis diversidade, e incremento da produtividade, o que se traduce en mellor clima e maior rendibilidade.
3. Cos homes como “aliados”, o cambio acelérase de forma importante. Se se “apuntan” á corresponsabilidade en labores domésticos e de coidados, implica a súa mobilización para realizar cambios na súa vida privada e na da súa contorna (colegas, amizades, parellas, descendentes, ascendentes…), o que contribúe, de forma directa no desenvolvemento laboral feminino, xa que se reaxusta de forma automática o tempo que, como norma xeral, dedican elas de máis a esas responsabilidades.
Aínda que se podería incluír máis información, coa anterior é suficiente para que cada empresa se faga un par de preguntas e reflexione sobre as respostas.
Na miña organización os homes están involucrados no avance pola igualdade?
Incentívaselles de forma adecuada para que o sexan?
Como diciamos ao empezar, empresas e homes, o que está claro é que
FACEDES FALLA.
Se necesitas apoio ou asesoramento, contacta co noso Gabinete Técnico de Igualdade:
igualdade@ceg.es
981 555 888