España e Portugal abordan unha nova etapa na que as súas economías dan síntomas inequívocos de melloría que agora debe consolidarse nos próximos anos. Galicia e o Norte de Portugal, abordarán esta nova etapa desde unha planificación unida e integrada nas súas respectivas estratexias nacionais para os próximos anos en pos de achegarse aos obxectivos da Estratexia Europa 2020.
Pero iso non será óbice para que a Eurorrexión aborde obxectivos comúns, tendo en conta as súas necesidades e particularidades, como son o alto nivel de desemprego, a baixa competitividade, en termos de produtividade, en relación coa media da UE ou o envellecemento da poboación.
Para abordar estes obxectivos comúns, a Eurorrexión contará con instrumentos como o propio POCTEP, un Plan de investimentos conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal 2014-2020, as iniciativas que poña en marcha a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, ou aquelas que poidan ter cabida en estratexias macrorrexionais, como o Plan de Acción para unha Estratexia Marítima na Rexión Atlántica.