A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) subscribiu un convenio coa Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais (SGPRL).
O obxecto do mesmo é contribuír á integración da prevención de riscos laborais na xestión das empresas asociadas na CEG. "A SGPRL pode contribuír a este fin, así como achegar coñecemento e perfeccionamento profesional ao persoal técnico dos servizos de prevención das súas empresas asociadas".
Desde a entidade empresarial explican que entre os fins fundamentais da Confederación figura o de fomento e promoción da prevención de riscos laborais. "A CEG integra a asociacións empresariais e a empresas, a través do consello asesor da presidencia, nas que desenvolven a súa actividade profesional técnicos/as de prevención de riscos laborais especialistas das distintas disciplinas preventivas".
A SGPRL, pola súa banda, é unha entidade de dereito público que desenvolve actividades de divulgación, formación, investigación e desenvolvemento científico e tecnolóxico, interesada en colaborar cos sectores socioeconómicos para asegurar un dos fins da formación e a investigación: a innovación e a modernización do sistema produtivo.
Mediante este documento estableceranse accións de intercambio e colaboración co tecido empresarial galego para o coñecemento e análise das actividades profesionais, a súa adaptación ao incesante cambio e evolución social e tecnolóxica, o consecuente cambio e adaptación das condicións de traballo e a súa posible repercusión nas condicións de seguridade e saúde no traballo.
Farase en forma de actividades dedicadas á sensibilización e divulgación da prevención de riscos laborais no ámbito das empresas asociadas á CEG. Realización de actividades de investigación en relación coas condicións de seguridade e saúde de determinados ámbitos ou actividades laborais, especialmente aquelas susceptibles de exposición a riscos emerxentes pola incorporación de novas tecnoloxías ou a introdución de novas modalidades de organización do traballo.
Ademais, estableceranse fórmulas de colaboración e as condicións de participación do persoal técnico de prevención de riscos laborais das asociacións e/ou empresas integradas na CEG no foro de intercambio de coñecemento, prácticas e experiencias profesionais que a SGPRL está a desenvolver para a posta a disposición dos seus técnicos/as asociados.
O convenio entre ambas as dúas entidades foi asinado por Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, e Carlos Montes, presidente da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais.