O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, asinaron esta mañá no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) un convenio co presidente de Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, para favorecer a inserción laboral dos deportistas de alto nivel (DGAN) e, ao mesmo tempo, difundir accións, formación e informacións empresariais de interese.
O acordo asinado coa CEG pretende promover a realización de prácticas de fin de grao ou fin de máster nas empresas asociadas e difundir ofertas de emprego e oportunidades laborais destas entidades, ás que se lles fará chegar, ao mesmo tempo, as demandas de emprego dos deportistas de alto nivel. Tamén inclúe a difusión sobre o deporte e os seus valores empresariais ou a organización e colaboración na realización de accións para dar a coñecer proxectos empresariais destes DGAN ás empresas.
Diego Calvo destacou os valores de convivencia que os deportistas de alto nivel adquiren ao longo da súa traxectoria como “ traballo en equipo, compromiso ou conciencia social, ás que se suman as capacidades adquiridas co propio exercicio da competición como dedicación ou cooperación”. Neste sentido apuntou que, os dous convenios asinados no día de hoxe, teñen como obxectivo favorecer “a reinserción dos nosos deportistas na sociedade como traballadores cualificados cando deciden deter a súa actividade física”. Por iso, destacou a importancia de dar este paso para que o deporte de alto nivel estea presente no mundo da empresa e así “aportar ao tecido económico de Galicia os seus valores e experiencia”.
Pola súa banda, Juan Manuel Vieites, explicou que "os valores do deporte e especialmente os valores do deporte de alto nivel e de competición, como o esforzo, o rigor, a constancia, traballar con metodoloxía e por obxectivos, a resiliencia, a excelencia, o traballo en equipo e o coidado do corpo e da mente, contan en quen o practican con ingredientes esenciais para desenvolver non só a actividade deportiva en si, senón para desenvolver calquera outra actividade profesional. É unha necesidade para as nosas empresas e para a nosa economía, coñecer e integrar a persoas que contan cunha bagaxe e cunha sistemática de traballo, que soamente lles requirirá cambiar de disciplina para aplicalo a finalidades e obxectivos distintos. O noso papel como empresarios é conseguir que sexan igual ou máis estimulantes que os da etapa de deportistas. Niso debemos traballar".
Tamén engadiu a necesidade de "visibilizar diante do empresariado de Galicia e diante da sociedade, a existencia destes talentos, que tanto poden achegar ás nosas empresas como empregados ou á nosa economía se elixen o maratón do emprendimiento".
Ao acto acudiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, así como unha decena de deportistas: Teresa Portela, Frank Casañas, Lua Piñeiro, Gustavo Dacal, Saleta Fernández, Santiago Ferrer, Susana García Senra, Suso González, Belisa González e Víctor Riobó.