A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) tacha de inaceptable o plan de incentivos do Executivo para Cataluña como consecuencia do referendo ilegal de outubro de 2017.
Nestes momentos, están a negociarse bilateralmente entre Cataluña e o Goberno de España cuestiones como a repartición de fondos europeos, investimentos, ou determinadas medidas ou incentivos financiados con fondos públicos, que para a CEG deben ser alleos aos avatares políticos.
Segundo a organización empresarial galega, discriminar positivamente a Cataluña, sería ir en contra da pretendida converxencia real entre territorios, que garanta unha maior competitividade, salvagarde a libre competencia e a unidade de mercado.
A Comunidade Autónoma de Cataluña ten competencias e instrumentos para atraer a implantación de empresas, dentro do marco do Estado das Autonomías, como así o fan xa outras Comunidades Autónomas.
Non hai xustificación para que o Estado interveña e condicione as decisións empresariais en favor da implantación en Cataluña con medidas adicionais ou que vaian en prexuízo doutros territorios. En relación cos Fondos Next Generation, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), reitera a súa preocupación pola falta de transparencia en relación cos criterios de repartición e xestión dos mesmos por parte do goberno do Estado.
Non coñecemos aínda os mecanismos de acceso nin os prazos que se manexan para a execución dunha cantidade inxente de recursos, dos que depende en boa medida a transformación e modernización do noso tecido produtivo. A CEG reitera en que nestes momentos o Executivo central débese centrar en promover unha fiscalidade que apoie a recuperación económica e o crecemento sostido e a longo prazo, reducindo a carga fiscal de cidadáns e empresas.
Ademais, insiste en que se deben modificar e mesmo eliminar do sistema tributario español algún dos impostos que afectan directamente á continuidade de moitas compañías, como son o Imposto de Sucesións e Doazóns ou o Imposto sobre o Patrimonio.
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) lembra tamén que Galicia debe aproveitar de modo eficiente todas as posibilidades que neste momento aínda ofrece o marco xurídico para reducir e simplificar a fiscalidade das empresas, atraendo así investimentos e iniciativas emprendedoras e evitando deslocalizacións das firmas galegas a outras rexións ou países.