A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) presentou esta mañá no hotel Monumento de San Francisco de Santiago o Plan Estratéxico do seu Consello Asesor “Galicia Avanza. Horizonte 2020-2030”, un documento de partida para que algunhas das principais empresas de Galicia que conforman este órgano consultivo da CEG achegue a súa experiencia e coñecemento para trazar o plan que permita ao empresariado galego saír o máis reforzados posible da crise derivada da pandemia e poder facer fronte ao cambio de modelo produtivo ao que xa se estaba asistindo e que se viu acelerado polo Covid-19.
“Debemos embebernos da práctica e do bo facer que nos poden achegar as empresas que xogan en primeira liña na nosa comunidade autónoma e cuxos representantes están integrados no noso Consello Asesor porque o seu éxito será o de todo o empresariado galego”, explicou durante a súa intervención o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.
“A participación das compañías no proceso asociativo debe ser hoxe máis tanxible que nunca para afrontar este momento de profundo cambio e nese sentido o noso Consello Asesor traballará no labor principal de asesorar á Presidencia e por extensión aos demais órganos de goberno da CEG na toma de decisións, propoñendo actividades ou liñas de traballo, contribuíndo á súa definición ou participando na súa posta en práctica”.
“Desde a CEG pretendemos poñer en marcha sen dilación esta folla de roteiro que sen ningunha dúbida redundará no beneficio empresarial pero tamén no dunha sociedade avanzada, excelente e innovadora”, finalizou Juan Vieites.