A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebra o acordo asinado onte entre o Goberno, CCOO e UXT, CEOE e Cepyme, froito do diálogo social, polo que se prorrogan os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTEs) ata o próximo 30 de xuño, aprobado hoxe en Consello de Ministros.
Trátase dun paso importante para ampliar a protección de persoas traballadoras e empresas que evita que estes procedementos temporais decaían ante un eventual fin do estado de alarma.
Así mesmo, a CEG valora de forma positiva que se abra a porta a un novo proceso de negociación a través da creación dunha comisión tripartita entre Goberno, sindicatos e patronal, que se reunirá o segundo mércores de cada mes para a proposta e debate daquelas medidas necesarias para o mantemento do tecido empresarial e das persoas traballadoras que o integran ata a recuperación total da actividade.
A patronal galega lembra que durante estas duras semanas de pandemia, as empresas no seu conxunto responderon de forma eficiente ás demandas sociais, protexendo a economía e a subministración de bens e servizos esenciais, polo que o camiño acertado polo que seguir reside na colaboración público-privada.