Falamos de compartir as responsabilidades entre homes e mulleres para alcanzar a igualdade real: o traballo doméstico, os labores de coidados, a implicación na educación e nas relacións familiares.
É verdade que, no últimos trinta anos, lográronse grandes avances no ámbito da igualdade de oportunidades no traballo. Pero a incorporación masiva das mulleres ao mundo do emprego remunerado non veu acompañada pola equivalente incorporación dos homes aos traballos de coidados non remunerados, e esta falta de responsabilidade dos homes é un dos principais obstáculos á igualdade real e efectiva duns e outras. Moitos homes seguen priorizando maioritariamente as súas carreiras profesionais sobre as responsabilidades de coidados do fogar e a familia.
Tanto o costume como a presión social do grupo de iguais segue favorecendo que, moitos homes, non se esforcen en adquirir destrezas coidadoras.
O resultado xa é sobradamente coñecido: dobre carga para elas e división sexual do traballo, que son fonte de desigualdade e discriminación.
Facer da corresponsabilidade unha forma de vida é construír igualdade real entre todos e todas:
- Trátase de compartir, non de repartir. Dentro e fóra do ámbito laboral. Dentro e fóra do fogar.
- É comprometerse de verdade coa igualdade real. En todas as esferas das relacións sociais.
A Comisión Europea segue alertando de que, elas, a pesar de estar máis preparadas, teñen máis dificultades para entrar e manterse no mercado laboral.
A causa: a falta de corresponsabilidade. Aínda son elas as que teñen que elixir entre coidar ou traballar de forma remunerada. Os roles que asocian o coidado ás mulleres e a brecha salarial existente posibilitan que, se alguén ten que deixar de traballar para coidar, o fagan elas.
Seguimos vivindo nunha sociedade cunha repartición do traballo doméstico e das responsabilidades desequilibrado e afastado do ideal desexable por todas e todos e que, por tanto, non é corresponsable.
A falta de corresponsabilidade e a brecha salarial son culpables de que as mulleres non desenvolvan todo o que poden a súa carreira profesional, e mesmo que non cheguen a penetrar no mercado laboral.
Se realmente queres contribuír para lograr unha sociedade máis xusta, igualitaria e enriquecedora para todos e todas: practica e inculca a corresponsabilidade.
Paga a pena.
Le todo o artigo! Descárgao aquí.
Gabinete técnico de Igualdade
[email protected]
981 555 888