CEG

 

A CEG pide impulsar unha estratexia para reverter a balanza comercial negativa da UE de produtos do mar e a dependencia do exterior e pon en valor empresas como Congalsa que sitúan Galicia como referencia no sector

A CEG pide impulsar unha estratexia para reverter a balanza comercial negativa da UE de produtos do mar e a dependencia do exterior e pon en valor empresas como Congalsa que sitúan Galicia como referencia no sector

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) visitou as instalacións de Congalsa, na Pobra do Caramiñal. 

Durante o encontro, reuniuse con Julio Simarro, director Comercial e de Mercadotecnia da empresa; Juan Carlos Rama, director de Recursos Humanos, e Isabel Cañas, directora de Relacións Externas da compañía.

O presidente da CEG subliñou que "Congalsa é unha empresa de referencia no sector mar-industria galego". 

Dende Congalsa, Julio Simarro referiuse ao sector como imprescindible para a Comunidade Autónoma de Galicia, "que tantos quilómetros de costa ten e onde o mar está tan ligado á nosa idiosincrasia. Un sector que xera emprego, do que viven moitas familias e que está comprometido coa sostibilidade económica, social e ambiental".

Así mesmo, explicaron que "Congalsa é unha empresa innovadora, que aposta polo I+D+i no lanzamento de novos produtos ao mercado, capaces de satisfacer as demandas de diferentes tipos de consumidores e tamén destacamos pola innovación en procesos. De feito, somos unha das poucas empresas alimentarias galegas que deu o paso para converterse en 'fábrica intelixente'".

Dende a CEG lembran que o complexo mar-industria constitúe o 4,8% e engloba a máis de 50.000 persoas con empregos directos. O valor engadido bruto que xera a pesca e a acuicultura en Galicia é 25 veces superior ao da Unión Europea e máis de seis veces superior ao de España. 

As últimas "Táboas Input-Output da Pesca-Conserva Galegas 2019" certifican que dende 2011 o valor da produción do sector ascendeu preto dun 50% e que a suma da actividade da cadea extractiva, do mar-industria e do comercio exterior pesqueiro de Galicia roldou os 9.000 M € en ingresos. 

Por iso, Juan Manuel Vieites asegura que desde a Comisión Mar Industria da CEG seguirán trasladando aos gobernos a necesidade de eliminación/redución do IVE que grava o consumo dos produtos do mar. "Estamos preocupados pola caída do consumo de peixe".

Durante a visita, falaron da importancia da correcta identificación e distinción das importacións de produtos estranxeiros. "Actualmente o 70 % dos produtos pesqueiros que se consomen na Unión Europea proceden do exterior. Isto reflicte un desequilibrio na balanza comercial europea de produtos do mar e unha dependencia do exterior", explica Vieites. 

Para unha competencia xusta, subliña que "é preciso que todos os produtos importados cumpran as normas e os criterios alimentarios pertinentes da UE, incluídos os do PPC, así como as normas sanitarias, laborais e de seguridade dos buques e establecementos industriais, as obrigacións en materia de sustentabilidade e medio ambiente". Por iso, consideran importante "retornar o polo de decisión á UE, xa que Europa perdeu peso fronte ao eixo USA-ASIA neste sector". E instan o Goberno a traballar neste sentido.

Así mesmo, volve reiterar a petición dun PERTE que aplique ao sector mar-industria.

Doutra banda, dende a CEG inciden en que é prioritario abordar a expulsión de barcos en España, Portugal, Francia e Irlanda, en zonas consideradas como ecosistemas mariños vulnerables. "É imprescindible que se teñan en conta os preceptivos informes de impacto socioeconómico que esta medida terá. E é necesario racionalizar o equilibrio entre a sostibilidade do medio e o aproveitamento dos recursos pesqueiros da UE".

O presidente do empresariado galego advertiu, ademais, que a suspensión da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (LOXILGA) "supón a paralización das concesións no litoral e dos sistemas de depuración de augas, pondo en risco a viabilidade de preto de 4.000 edificacións e centos de empresas que operan na costa, e prexudicando directamente a millón e medio de galegas e galegos que viven na nosa costa".

A LOXILGA púxose en marcha para pór fin a situacións incomprensibles que trataban de borrar toda presenza humana do litoral e que se aprobou para achegar seguridade xurídica ás empresas. "Non entendemos que o Goberno central recorra a lei e ataque as competencias de Galicia. Non se trata dunha lei política, senón dunha lei que persegue a xestión sustentable, no ambiental e no socioeconómico, da costa de Galicia promulgada desde onde mellor coñécese, Galicia".

Congalsa participa activamente nas comisións de traballo especializadas da CEG, en concreto preside a dedicada a mar-industria. As distintas comisións internas, xunto cos diferentes departamentos e servizos da Confederación, encárganse do estudo e debate dos asuntos sectoriais e de política económica e laboral. 

Os seus criterios e análises son sometidos aos órganos reitores e serven de base para a actuación da CEG. Ademais, a través das comisións mantense a interlocución coa Administración e con diferentes organismos e entidades no relativo ás actividades e políticas que lles son propias.

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.