CEG

 

11 de febreiro: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

11 de febreiro: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

A Asemblea Xeral de Nacións Unidas, en decembro de 2015, aprobou unha resolución na que xustificaba a proclamación deste día internacional e destacaba as iniciativas para apoiar ás mulleres científicas e promover o acceso das mulleres e as nenas á educación, a capacitación e a investigación nos ámbitos STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) levadas a cabo por distintas organizacións: Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), Entidade das Nacións Unidas para a Igualdade de Xénero e o Apoderamento das Mulleres (ONU Mulleres) e Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT).

O motivo desta conmemoración: 

Tendo en conta que un dos temas centrais de Nacións Unidas é a igualdade de xénero, a celebración deste día lembra a importancia de que as mulleres, dende nenas, se eduquen e capaciten en ciencia e tecnoloxía, como forma de impulsar a promoción da igualdade de acceso da muller ao pleno emprego e a un traballo decente. 

Porque o apoderamento das mulleres contribuirá decisivamente, tanto no desenvolvemento económico mundial, como no progreso respecto dos 17 obxectivos e metas da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible (ODS).

Os ODS son medidas adoptadas por Nacións Unidas para protexer o planeta, loitar contra a pobreza e tratar de erradicala co obxectivo de construír un mundo máis próspero, xusto e sostible para as xeracións futuras.

Nas nosas universidades, as mulleres superan o 56% das persoas matriculadas, pero só arredor do 36% delas está no ámbito das STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). E, concretamente naquelas 3 enxeñerías con maior potencial de empregabilidade no actual panorama do mercado de traballo, a porcentaxe é menor: 14% en enxeñería informática, 17% en enxeñería mecánica, e 19% en enxeñería eléctrica.

Desde o Gabinete de Igualdade da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) queremos unirnos á conmemoración deste día, e animar a que se mostren e practiquen estratexias, boas prácticas e solucións orientadas a mellorar o futuro de mulleres e nenas; e, para iso, é fundamental: 

  • Visibilizar o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEM, creando así referentes femininos para as nenas, que contribúan a que elixan estas áreas como carreiras profesionais. 
  • Coñecer os distintos factores que afectan á situación actual da muller nas áreas STEM para fomentar prácticas que conduzan á súa eliminación e alcanzar a igualdade de xénero no ámbito científico. 
  • Reforzar os lazos entre a política, a sociedade e a ciencia para abordar os desafíos dos ODS.

As mulleres e as nenas constitúen a metade da poboación mundial, por tanto, a metade do seu potencial.

E, como xa sabemos, necesitamos TODO o talento.
Feliz Día da Muller e a Nena na Ciencia!

Descarga o artigo completo aquí.

[email protected]
981 555 888

Autor
Confederación de Empresarios de Galicia
Editor
Confederación de Empresarios de Galicia
Financiamento
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
Gobierno de España
Ministerio de Trabajo y Economía Social
Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE)
Dirección Xeral de Emprego
Xunta de Galicia
Formato
Electrónico
TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.