CEG

 

As patronais do noroeste insisten na vertebración territorial a través do Corredor Atlántico para revitalizar a economía dos seus territorios

As patronais do noroeste insisten na vertebración territorial a través do Corredor Atlántico para revitalizar a economía dos seus territorios

No marco de "O Encontro de Sober", o foro económico organizado por CESUGA (Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia), co apoio da Xunta de Galicia, en Sober (Lugo) e que busca fomentar a cooperación entre empresarios, os presidentes das patronais do noroeste CEG, FADE e FELE subliñaron a importancia estratéxica da colaboración para revitalizar o ámbito rural e crear oportunidades económicas principalmente grazas á vertebración territorial a través das infraestruturas. 

Juan Manuel Vieites (CEG), María Calvo (FADE) e Juan María Vallejo (FELE) participaron na mesa redonda "O rural que nos une: sinerxías e alianzas" na que destacaron a necesidade de apostar conxuntamente e con determinación polo Corredor Atlántico Noroeste, unha infraestrutura vital para unha adecuada cohesión económica, social e territorial do noroeste peninsular. 

Ademais, o desenvolvemento destas infraestruturas contribuirá a abordar o problema do despoboamento, tan perentorio no noroeste peninsular e, máis concretamente, na súa contorna rural. Ao mellorar a conectividad incrementaranse as oportunidades de desenvolvemento para estes territorios, fomentando a creación de emprego, o asentamento de empresas e revitalizando a economía local. 

Neste foro, as patronais do noroeste subliñaron que o progreso económico do noroeste é tamén progreso para o territorio nacional e insistiron na necesidade de coñecer o plan director anunciado pola Administración e na execución de todas as obras pendentes co obxectivo de paliar un dos déficits históricos dos seus territorios como é a conectividad, de forma que lles permita competir en igualdade de condicións con outros territorios. Co Corredor en marcha e no 2040, a infraestrutura a pleno rendemento podería redundar nunha achega ao PIB de 4.500 millóns de euros e á xeración de 23.900 empregos nos territorios afectados. 

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, afirmou en Sober que abordar os desafíos de Galicia, especialmente no ámbito rural, "require un enfoque integral que promova o desenvolvemento económico sustentable, o investimento en infraestruturas e servizos básicos, a diversificación económica e a participación da comunidade na toma de decisións sobre o futuro do ámbito rural galego".

Así mesmo, insistiu en poñer de relevo a importancia de contar con infraestruturas adecuadas e unha boa conectividad do noroeste e en particular no ámbito rural. "Mellorar o acceso a internet de alta velocidade, a rede viaria e ferroviaria, o transporte público, etc., contribuirían de maneira definitiva ao desenvolvemento económico e ao asentamento de poboación no ámbito rural".

Desde a Confederación de Empresarios de Galicia inciden en que "todo pasa por contar cunha rede de infraestruturas de transporte que permita ás empresas competir en tempo e en custo e que permita aos territorios atraer persoas e investimentos".

María Calvo, presidenta de FADE, celebrou esta "nova oportunidade para reivindicar as necesidades do noroeste". Durante o encontro, centrado no medio rural, a representante dos empresarios asturianos sinalou os retos comúns de Asturias, Galicia e León e a necesidade de investimentos e regulacións acordes para poder afrontalas.

Pola súa banda, o presidente de FELE, Juan María Vallejo reiterou que "temos que seguir insistindo no enorme valor que o noroeste ten para o conxunto de España e en que esa vertebración a través das infraestruturas servirá para dotar de maior valor ao desenvolvemento económico nacional". Ademais, diante do contexto actual destacou que "a confrontación e o ruído político non alenta os investimentos e impide o debate sosegado".

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.