CEG

 

A CEG mostra o compromiso das empresas galegas na reconstrución de Ucraína 

A CEG mostra o compromiso das empresas galegas na reconstrución de Ucraína 

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) explorou, xunto coa Embaixada de Ucraína en España e de diversas empresas ucraínas, as posibilidades de intercambio comercial entre ambas as zonas e as perspectivas de colaboración a futuro. 

O obxectivo da xornada "Oportunidades de intercambios comerciais con Ucraína" foi coñecer de primeira man a realidade económica, comercial e financeira do país, os sectores estratéxicos e as oportunidades concretas, en campos como o mercado de grans ucraíno ou o das tecnoloxías da información. "Logo de máis de dous anos en guerra, outro dos nosos obxectivos é mostrar o compromiso e apoio de España e Galicia na súa reconstrución, reforzando a colaboración entre ambas as zonas para tratar de contribuír á recuperación económica", afirmou o presidente da CEG.

Pola súa banda, o embaixador ucraíno, Serhii Pohoreltsev afirmou que "a participación das empresas galegas no proceso de reconstrución é moi importante, hai varios eventos en marcha e moitas posibilidades. Os danos no noso país son enormes e crecen debido aos novos ataques. En todas as esferas hai lugar para desenvolver a economía do país, é moi importante dar a información de como entrar no mercado de Ucraína. Hai fondos e un volume de proxectos de ao redor de 400.000 millóns de euros, unha gran oportunidade para as empresas de Galicia e de España". 

Juan Manuel Vieites subliñou que "a revitalización da economía post-conflito implica o desenvolvemento de novos proxectos económicos, a atracción de investimentos estranxeiros e a promoción do comercio internacional. Por tanto, significa oportunidades para as empresas españolas, incluídas as galegas. No caso de Ucraína, as necesidades inclúen reconstrución de infraestruturas, subministración de materiais básicos, asistencia médica e rehabilitación económica. As nosas empresas poden participar proporcionando tecnoloxía, servizos de construción, equipos médicos e contribuíndo ao investimento e desenvolvemento económico do país".

"Dende a CEG consideramos que é crucial para Galicia aproveitar estas oportunidades para fortalecer os seus lazos comerciais con Ucraína e contribuír á súa recuperación económica. Na actualidade, máis de 150 empresas de Galicia exportan a Ucraína, abarcando diversos sectores produtivos, desde o automobilístico até maquinaria, equipamento, moda, etc. Ademais, as importacións galegas procedentes deste país, inclúe combustibles, cereais e aceite", incidiu Vieites.

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo cifrou no 2022 en 102,9 millóns de euros as exportacións que Galicia realizou ao país centroeuropeo. Os produtos máis exportados foron pescado conxelado; extractos de café e té; viño e mosto, semente de girasol e carne e refugallos comestibles. En canto a importacións houbo compras por valor de 130,7 millóns de euros. O aceite de girasol e o millo foron os produtos máis comprados.

"A reconstrución do país é máis cara cada día que pasa. O Banco Mundial calcula que Kiev necesitará uns 447.000 millóns de euros na próxima década para refacer infraestruturas, servizos públicos ou vivendas. A guerra está a custar máis de 200 millóns diarios. Tanto o Goberno de Ucraína como a Comisión Europea, sinalan que o país precisará 15.000 millóns de euros só en 2024, dos cales só ten garantidos 5.500 polos seus socios internacionais", advertiu o presidente dos empresarios galegos.

A cita contou co embaixador ucraíno, Serhii Pohoreltsev; o primeiro secretario de Asuntos Económicos da Embaixada de Ucraína en España, Oleksandr Gerasymyuk; un representante da plataforma DREAM, Víctor Nestulia; o xefe do departamento de Atracción e Apoio ao Investimento da Oficina Gobernamental UkraineInvest, Maksym Bondarenko; o presidente da Asociación de Grans de Ucraína, Mykola Gorbachov; e o presidente do Centro Español en Ucraína, Martino Antonio. 

Por outra banda, o presidente da Fundación Europeos con Ucraína, Antonio Javier Corredoira, explicou os proxectos levados a cabo pola súa entidade, con sede na Coruña, e as oportunidades de participación social das empresas galegas nas causas humanitarias en Ucraína. Esta entidade colaborou na organización desta xornada.

Ao final do evento, a Embaixada de Ucraína entregou un galardón a Afundación e ABANCA en recoñecemento polas súas achegas, compromiso e labor social co pobo ucraíno desde o comezo do conflito bélico.

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.