A Confederación de Empresarios de Galicia, firmemente comprometida co Diálogo Social tanto a nivel autonómico como a nivel nacional a través de CEOE, mostra a súa decepción unha vez máis polo procedemento seguido polo Goberno de España e en particular polo Ministerio de Traballo e Economía Social, que subscribiu cos sindicatos UXT e CCOO, pero sen contar cos empresarios un novo acordo, esta vez en relación coa reforma da protección asistencial por desemprego.
Desde a entidade empresarial galega apostan polo diálogo e a negociación do Goberno e os seus departamentos cos axentes económicos e sociais para a definición de cuestións de crucial importancia, como as que afectan o emprego. "Para definir solucións reais e efectivas requírese de negociación e acordos entre todas as partes, incluíndo ao empresariado".
"Os empresarios non tivemos a oportunidade máis que de recibir un borrador e de ser consultados, pero en ningún caso tivemos a oportunidade de negociar, como sería lóxico e normal", lamenta o presidente da CEG.
Trátase dun texto que xa fora obxecto de rexeitamento no Congreso dos Deputados, polo que cobra máis importancia, se cabe, o traballo de todos que puidese dar lugar a un resultado de consenso ou de acordo. "Con todo coñecemos o texto hai apenas dous días antes de ver a foto do acordo entre o ministerio e os sindicatos", sinala Juan Manuel Vieites.
"Esta maneira de proceder pon en dúbida a vontade real do Goberno de escoitar e ter en conta a realidade de todos os axentes implicados, especialmente dos empresarios. Para chegar a solucións equilibradas, é preciso unha visión integral, que ultimamente non se considera", di.
As medidas recollidas na reforma, terán impacto sobre as contas do Estado, xa que todo indica que incrementarán o gasto público, gasto que non esquezamos, alguén ten que pagar.
Doutra banda, "é preciso valorar con detemento o impacto que pode ter en relación coa reincorporación das persoas ao mercado de traballo, cando en España e por suposto en Galicia faltan traballadores que cubran as vacantes e con todo seguimos contando cuns índices de desemprego elevados e con máis de 40.000 perceptoras na actualidade deste subsidio, que previsiblemente se incrementarán coa reforma proposta", engade.
Así mesmo, insiste en que "debemos pór máis empeño e recursos en facilitar a reincorporación dos desempregados ao mercado de traballo. En adaptar oferta e demanda. O obxectivo debe ser que as persoas en idade de traballar, traballen, coticen e contribúan ao sostemento do sistema, sen prexuízo de atender as necesidades conxunturais dos traballadores e as súas familias".
Por último, afirma que "desde a CEG seguiremos traballando e poñendo sobre a mesa propostas e expoñendo necesidades e esiximos participar non só das facturas, senón tamén da definición das medidas cun único obxectivo: un país sustentable social e económicamente".