CEG

 

A CEG descualifica ao Goberno por "erosionar a confianza e cooperación necesarias para un desenvolvemento sustentable e xusto", ao excluír aos axentes do diálogo social das súas decisións

La CEG descalifica al Gobierno por “erosionar la confianza y cooperación necesarias para un desarrollo sostenible y justo”, al excluir a los agentes del diálogo social de sus decisiones

A Confederación de Empresarios de Galicia sinala que as "ocorrencias" do Goberno do Estado "non só complican administrativamente o día a día das empresas, senón que provocarán unha deterioración das condicións dos traballadores". Así mesmo, cualifica de "imposicións unilaterais" todas estas decisións "tomadas ás agachadas, sen contar cos máis afectados por medidas: os empresarios e empresarias. Nin sequera calcularon as consecuencias económicas para os sectores produtivos, nun momento xa bastante delicado".

E é que a modificación do Estatuto dos Traballadores, que outorga prevalencia aos convenios colectivos autonómicos sobre os estatais, ten varias implicacións para o empresariado. Juan Manuel Vieites cita, por exemplo, "o incremento na complexidade administrativa. As empresas que operan en múltiples comunidades autónomas deberán xestionar diferentes convenios, o que pode aumentar e complicar a xestión dos mesmos e, sobre todo, os custos asociados ao cumprimento normativo".

O presidente da CEG advirte que "as negociacións colectivas descentralizadas requiren máis recursos e esforzos de negociación por parte das empresas. A recente frustración da reforma do RDL 7/2023, que buscaba implementar esta prevalencia, indica a complexidade e a controversia que rodea esta modificación no ámbito laboral español".

Tal e como xa se pronunciaron desde CEOE e CEPYME respecto diso, desde a CEG tamén lembran que "son cambios que xa non se incluíron na última reforma laboral que pactamos no marco do Diálogo Social tripartito e que adoptamos como fito necesario para poder seguir recibindo os fondos europeos previstos".

Por tanto, o presidente do empresariado galego súmase ao "rexeitamento absoluto a esta aprobación, ás agachadas, sen contar con todos os axentes implicados, desprezando unha e outra vez ao Diálogo Social e aos sectores produtivos, ás empresas que xeran riqueza, que contribúen ao Produto Interior de España". 

Doutra banda, lamenta que esta práctica xa é abondo coñecida polo empresariado, á vista das últimas noticias. "Este Goberno repite de forma constante a mesma dinámica e é que o subsidio por desemprego tampouco se chegou a pactar cos empresarios e empresarias deste país".

A exclusión dos axentes do Diálogo Social na toma de decisións ten varias percepcións e consecuencias en diferentes niveis, xa que, di Vieites, "xera desconfianza e descontento. A sociedade española percibe esta exclusión como unha falta de transparencia e de lexitimidade no proceso de toma de decisións, o que xera desconfianza cara ás institucións e descontento entre os traballadores e cidadáns. A falta de participación dos axentes sociais está a incrementar a polarización e o conflito social, xa que non sentimos representados en decisións que afectan directa e duramente ás nosas vidas cotiás".

Desde a CEG manifestan que "as empresas galegas percibimos unha maior incerteza e risco na contorna laboral e normativa, xa que decisións unilaterais poden resultar en normativas menos consensuadas e máis susceptibles a cambios e disputas legais. A exclusión dos traballadores e dos seus representantes afecta negativamente a moral dos empregados e, en consecuencia, a produtividade e eficiencia das empresas".

Por último, subliña que "a nivel internacional, a falta de diálogo social é vista como un sinal de debilidade na gobernanza democrática e no respecto polos dereitos laborais, afectando a imaxe do país en foros internacionais e con potenciais investidores. A exclusión pode ser vista como un incumprimento das normativas e estándares internacionais de traballo, o que podería traer sancións ou perda de apoio de organismos internacionais. Non contar cos axentes do diálogo social erosiona a confianza e cooperación necesarias para un desenvolvemento sustentable e xusto".

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.