CEG

 

A CEG critica que o Goberno central negue a Galicia a súa participación no corredor do hidróxeno e sinala que hai unha discriminación evidente respecto a outros territorios do Estado

Imaxe de arquivo do presidente da CEG, Juan Vieites.

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) critica enerxicamente que "o Goberno nos deixe fóra do corredor do hidróxeno, negando a Galicia un desenvolvemento igualitario con respecto a outras comunidades de España e discriminando de forma evidente as actuacións de hidróxeno verde proxectadas, como a de Reganosa e EDP nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña) ou a hidroxenera do Porto de Vigo". 

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Vieites, sinala que "vólvese a dar as costas aos proxectos galegos". Reclama que o importante esforzo e compromiso das empresas para a produción de hidróxeno verde en Galicia "non está a ser correspondido cunha aposta clara e decidida para conectar o noso territorio con Portugal e co resto de Europa, como sería razoable. E o máis grave é que pode condenarnos unha vez máis ao illamento".

Cabe lembrar que o último Consello de Ministros aprobou, a semana pasada, repartir 74 millóns de euros para proxectos de hidróxeno verde no país e Galicia, a pesar de ter varios proxectos en desenvolvemento, non recibirá nin un euro neste primeiro paquete.

"Galicia é unha das comunidades autónomas que máis produción de enerxía renovable achega e cun potencial abafador tanto polas súas condicións e recursos naturais como polos proxectos que se desenvolverán nos próximos anos. Por tanto, non é moi coherente que se contamos cunha carteira de proxectos que situarán a Galicia a nivel internacional e que previsiblemente contarán con financiamento comunitario, non se aposte polas infraestruturas necesarias que permitan o seu despregamento e competitividade", lamenta o presidente da CEG.

De manterse esta nova exclusión de Galicia, Vieites advirte que "o Goberno central entorpece aínda máis nosa cohesión económica social e territorial co resto do Estado e con Europa. Non contar con Galicia no proxecto de corredor de hidróxeno nega á nosa comunidade a conexión con Europa e Portugal. España debe trasladar á Unión Europea plans e propostas que conteñan as necesidades de Galicia para o seu desenvolvemento e para a competitividade das súas empresas: No mapa enviado a Bruxelas non hai ningunha infraestrutura que chegue a Galicia".

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.