A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) acolleu o X Encontro Transfronteirizo das Redes de Información Europea de Galicia e Norte de Portugal.
As redes de información europea presentes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal reúnense anualmente desde o ano 2014, celebrando un encontro no que comparten boas prácticas e planifican accións conxuntas. Por iso, durante o transcurso desta xornada, os participantes intercambiaron información e presentaron algunhas das mellores prácticas e resultados obtidos o pasado ano. Tamén se esforzaron en buscar solucións a cuestións comúns que afectan a todas as redes comprometéndose a traballar en fortalecer aínda máis as boas relacións que unen xa a estas redes.
No evento compartiuse a celebración do 30 aniversario da rede EURES e contouse coa intervención da coordinadora nacional da rede en España, Elena Fernández Galán. A Comisión Europea tamén mostrou o seu apoio a esta iniciativa que espontaneamente veñen organizando as redes de información europea na nosa Eurorrexión coa intervención de Daniel Rosario, xefe de equipo da representación da Comisión Europea en Portugal e de María Campo, ligazón da rede Europe Direct na representación da Comisión Europea en España.
Nesta ocasión foi a Confederación de Empresarios de Galicia a que aloxou este encontro, en Santiago de Compostela, contando coa participación da rede Eurodesk aloxada na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño e na Asociación InGalicia; a rede EURES representada polos conselleiros da rede das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, así como do EURES Transfronteirizo Norte Portugal - Galicia en ambas as rexións representado tamén pola súa coordinadora; a rede Europe Direct na Coruña, Lugo, Tâmega e Sousa e Minho; a rede Enterprise Euope Network aloxada na propia CEG, na Axencia Galega de Inonvación e na Associação Empresarial de Portugal; o Centro de Estudos e Documentación Europea da Universidade de Santiago de Compostela; Erasmus for Young Entrepreneurs na Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela; a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a rede EURAXESS aloxada na Universidade de Santiago de Compostela.