CEG

 

A patronal galega reclama ao Executivo novas medidas económicas fronte ao COVID-19

Petición medidas económicas

A CEG valora que as decisións adoptadas tanto polo Goberno de España como pola Xunta de Galicia e demais administracións locais de Galicia van na boa dirección, aínda que considera que deberán ser ampliadas con máis medidas no ámbito económico para que non crebe o sistema empresarial.
Así, manifesta a súa total colaboración para o seu desenvolvemento e implementación, a que dada a urxencia e importancia das mesmas non é sinxela, e require da máxima implicación por parte toda a sociedade.
A CEG quere trasladar tamén o seu agradecemento ao esforzo e implicación do tecido empresarial de Galicia para combater esta grave crise, poñendo ao dispor da sociedade os seus recursos e capacidades.
O novo escenario obrigou ao goberno de España e á Xunta de Galicia á adopción de numerosas medidas nun breve espazo de tempo, para que á súa vez empresas e traballadores atopen solucións á situación xerada pola pandemia, co menor custo económico e social posible.
A análise da batería de medidas adoptadas tanto a nivel central como autonómico e mesmo local obriga a trasladar necesidades pendentes, que deben ser abordadas o máis axiña posible:


Facilitar e axilizar a xestión das medidas vixentes

Simplificando na medida do posible a tramitación administrativa e reducindo o esforzo das empresas e profesionais para a súa solicitude e o tempo de resposta por parte da administración, promovendo procesos o máis automatizados posible.

Evitar na medida do posible a paralización de máis actividades

O cesamento de actividades económicas non esenciais agravaría a xa comprometida situación do noso tecido empresarial. Pero é de vital importancia garantir a saúde das persoas, polo que é condición indispensable a adopción das medidas preventivas adecuadas e suficientes para evitar o contaxio e propagación do virus en todos os sectores de actividade e en especial naqueles de carácter estratéxico e esencial. A CEG forma parte da Comisión de Goberno do Instituto de  Seguridade e  Saúde Laboral ( ISSGA), Instituto que está a elaborar recomendacións con carácter xeral e para os distintos sectores de actividade no ámbito preventivo.

Reducir a carga financeira a curto prazo e facilitar o acceso ao crédito

As empresas están a sufrir con carácter xeral unha caída de ingresos que condiciona a súa viabilidade financeira e pode  avocarlas á súa desaparición. É imprescindible redobrar esforzos por parte das administracións públicas para promover todas as medidas que sexan necesarias que eviten o afogo financeiro das empresas, exonerando, fraccionando ou aprazando obrigacións e débedas coa administración, facilitando os requisitos e reducindo os prazos para o acceso a financiamento e axilizando na medida do posible os pagos das entidades públicas ás empresas e profesionais provedores das mesmas.

Promover novas medidas complementarias

Promover medidas complementarias ás postas en marcha polo Estado para dar cobertura a aqueles sectores produtivos, empresas e colectivos profesionais que non atopen apoio en ditas medidas (ou o apoio non sexa suficiente) e atópense en perigo por efecto directo ou indirecto da pandemia.

Autónomos e  microempresas

A CEG tamén solicita unha especial atención e consideración ás necesidades específicas que poidan requirir os autónomos e as empresas máis pequenas, como soporte fundamental do noso sistema produtivo e sometidos a unha maior vulnerabilidade, en aras de mitigar a súa desaparición e facilitando medidas que permitan a súa supervivencia. 

Coordinación das administracións públicas

A CEG considera que é crucial para garantir a eficacia das medidas e acelerar os seus efectos sobre o tecido económico de Galicia, unha estreita coordinación entre as diferentes administracións implicadas nos procedementos necesarios para a súa realización e unha permanente cooperación para a súa mellora continua, imprescindible nas circunstancias actuais.
A CEG ofrece a súa total disposición para traballar estreitamente e cooperar coas administracións públicas, como o vén facendo ata o de agora directamente coa Xunta de Galicia e a través de  CEOE e  CEPYME coa Administración Xeral do Estado, para trasladar as necesidades das empresas recibidas a través das organizacións integradas e acordar solucións no marco do  Diágolo Social aberto en Galicia.
Para finalizar, a CEG pon ao dispor do tecido empresarial de Galicia a súa estrutura para informar e asesorar ás empresas sobre as medidas e procedementos á súa disposición para mitigar os efectos da crise e favorecer unha rápida volta á normalidade da actividade empresarial.


 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.