A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Xunta de Galicia reforzarán a cooperación en asuntos de interese para o tecido produtivo relacionados coa Unión Europea en xeral e tamén, e máis particularmente, coa Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Así o acordaron o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, e o presidente da patronal galllega, Juan Manuel Vieites, nun encontro institucional.
A patronal galega, a través do Servizo de Información Comunitaria e Innovación prestou servizos de información e asesoramento ás empresas en relación coas diferentes políticas da UE que lles afectan e en relación coas axudas e fondos comunitarios que poden financiar accións e proxectos do tecido produtivo galego. Neste sentido, e tendo en conta a importancia de determinadas políticas comunitarias, que condicionan e regulan a actividade das empresas galegas de maneira directa en moitos casos, a CEG considera fundamental estreitar a cooperación coa Dirección Xeral de Relacións coa Unión Europea e coa Fundación Galicia Europa para coñecer de primeira man o estado de iniciativas comunitarias en elaboración; trasladar o posicionamento empresarial a efectos de participar nas políticas e procesos lexislativos comunitarios; promover a interacción do sector empresarial cos representantes das diferentes institucións da UE; e estreitar a colaboración nos servizos de información e asesoramento ás empresas ofrecido pola CEG en materia de políticas, programas e fondos comunitarios e adicionalmente en relación coa nova configuración que se deriva do Acordo de Comercio e Cooperación entre a Unión Europea e o Reino Unido con motivo do Brexit.
Doutra banda, a organización empresarial galega conta cun servizo especializado de apoio ás empresas que traballan en Portugal, no marco da súa pertenza á rede EURES Transfronteirizo Galicia Norte de Portugal; a única organización de España que conta cunha Conselleira Eures para atender as necesidades das empresas na prestación de servizos transfronteiriza.
Asi as cousas, a Confederación de Empresarios de Galicia tamén acordou coa Xunta de Galicia o compromiso de estreitar a colaboración coa Dirección Xeral de Relacións coa Unión Europea e coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal para potenciar a participación empresarial e a incorporación de cuestións de interese para o tecido produtivo da Eurorrexión nas relacións de cooperación entre Galicia e Norte de Portugal; o apoio e asesoramento ás empresas galegas en materia de libre circulación de persoas, bens e capitais, e libre prestación de servizos; a participación e promoción de actividades conxuntas a favor da mobilidade empresarial e a prestación de servizos transfronteiriza; e a presentación de candidaturas de proxectos ao futuro programa de Cooperación Territorial España Portugal 2021-2027.