A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a través do Arcebispado de Santiago de Compostela, adhírese á campaña que Cáritas ten aberta para dar resposta á situación de emerxencia xerada polas recentes inundacións no Levante español.
As tres dioceses afectadas polos efectos da DANA: Cuenca, na localidade de Landete, Albacete, en Letur e especialmente as localidades da diocese de Valencia, serán as receptoras dos fondos recadados a través das doazóns das empresas asociadas á Confederación de Empresarios de Galicia.
As peores inundacións do século en Valencia, Albacete e Cuenca deixaron tras de si decenas de persoas falecidas, vivendas, negocios destruídos e o caos nos pobos e cidades afectadas. As familias que o perderon todo enfrontan agora a dura tarefa de recompoñer as súas vidas e volver á súa día a día e para iso Cáritas está a traballar para apoiar ás zonas máis afectadas e atender ás persoas damnificadas.
O seu apoio, a través de doazóns económicas, terá un impacto directo nas vidas daqueles que hoxe sofren as consecuencias desta catástrofe natural, axudando a reconstruír os fogares e a esperanza en quen sufriu as peores consecuenciass.
Con esta demostración de responsabilidade social das empresas galegas reafírmase o seu compromiso como axentes de cambio, líderes no apoio ás súas comunidades e colaboradoras imprescindibles no intento por paliar os efectos dunha catástrofe sen precedentes que deixa comunidades esnaquizadas e vidas perdidas.
As doazóns dos asociados da CEG poden facerse a través das contas que Cáritas ten abertas para este fin, indicando no concepto “CEG DANA” e o NIF da empresa, para poder certificar a doazón e acceder á correspondente desgravación fiscal.
- Banco Sabadell ES21 0081 2130 4300 0103 7210
- Abanca ES18 2080 0319 6030 4000 8096