A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) participou na xornada de CEPYME "A produtividade da peme", en Madrid.
Preguntado por distintas temáticas, tendo como fío condutor o aumento dos custos para as pemes en Galicia, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites falou de diálogo social, absentismo, descarbonización, entre outras.
Desde o empresariado galego reafirman que é preciso reclamar a recuperación do diálogo social, como medio para reforzar as medidas e consensos necesarios para alcanzar o obxectivo de manter e aumentar o noso tecido produtivo e superar con nota os retos sinalados das transicións dixital e ecolóxica. "Publicáronse máis de 26 normas que non tiveron consenso no ámbito do diálogo social, parte desas normas incidiron no incremento dos custos laborais das empresas, o que repercute na necesidade de medidas de mellora de procesos e de incremento da produtividade que temperen o aumento dos custos", alertan.
Sobre o absentismo en Galicia, incide en que "xa é unha das maiores preocupacións para o tecido empresarial. En 2023, Galicia incrementou a duración a 66 días de media, fronte a 41,47 en España. Moitos sectores necesitan cubrir esas baixas acudindo á reorganización da actividade da empresa ou a contratar, pero iso é hoxe difícil debido á falta de persoal".
Considera "imprescindible a implicación das Mutuas na realización de probas diagnósticas, tratamentos terapéuticos e rehabilitadores nos procesos de ITCC de orixe traumatológico, procesos que son os que máis impactan na duración media". Xa que "o absentismo laboral, lonxe de conterse, irá a máis. En Galicia, esas faltas, xustificadas ou non, provocaron a perda do 7,8% das horas pactadas no cuarto trimestre de 2023".
Cuestionado polos cambios na contorna produtiva en Galicia, vinculados á transición ecolóxica e dixital, Vieites subliña que "Galicia presenta un alto grao de terciarización, cun peso de achega ao VAB do 71,4% en 2023 e do sector industrial de 17,7%, sendo o peso da achega do sector construción un 6% e do sector primario un 4,9%. A industria manufacturera concentrou o 11,9 % do valor engadido bruto (VAB) en 2022. E en 2023 creceu un 1,7%.
Galicia ten nestes momentos de conversión económica o necesario para converterse nun territorio industrial. Por iso é necesario atender aos cambios nos contidos concretos das ocupacións e ás vías de axuste entre as competencias e cualificaciones adquiridas e requiridas, e establecer políticas que permitan anticiparse e preparar á poboación para os cambios nos contidos dos traballos e para a automatización de certos postos".
Apunta que "temos menos de tres décadas para culminar un proceso transformador no que xa estamos inmersos e que xa está a provocar cambios non só industriais, senón que tamén económicos e xeopolíticos".
Neste sentido, incide en que o proxecto Plataforma experimental de eólica mariña de Galicia, unha plataforma de ensaio que se instalará nas proximidades do porto exterior de Coruña, "constitúe o primeiro paso no desenvolvemento dunha enerxía na que Galicia pode ter un papel preponderante".
Falou tamén de unificar as políticas europeas e homoxeneizar a fiscalidade enerxética para alcanzar un sistema enerxético máis eficiente e competitivo. "En Galicia déronse pasos moi importantes para o impulso da enerxía eólica coa declaración de interese público superior da planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación e tamén a modificación da Lei 8/2009, de 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico e créanse o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Pero o impulso inicial do sector viuse obstaculizado pola paralización de parques eólicos, todos coa preceptiva declaración ambiental favorable e o permiso de construción. As últimas resolucións da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) están a incidir nesa paralización".
En canto ao hidróxeno verde, lembra que existen previsións de instalación de varias plantas de xeración en Galicia (Meirama, As Pontes, Caldas de Reis, Begonte ou Arteixo), "pero unha cuestión relevante que veu a obstaculizar o desenvolvemento industrial neste ámbito foi a exclusión de Galicia da rede troncal de hidrocarburos de Europa que financia a Unión Europea, ao non aprobarse o apoio ao tramo Guitiriz - Zamora. Isto supón un obstáculo importante para o desenvolvemento de proxectos no ámbito do hidróxeno verde, que só contarían coa loxística portuaria".
Engade que "Galicia é unha das comunidades autónomas que máis produción de enerxía renovable achega. Non é moi coherente que se contamos cunha carteira de proxectos que situarán a Galicia a nivel internacional e que previsiblemente contarán con financiamento comunitario, non se aposte polas infraestruturas necesarias que permitan o seu despregamento e competitividade".
Así mesmo, apunta que se puxeron os medios para avanzar neste sector mediante a configuración da denominada Alianza industrial galega do hidróxeno verde que representa actualmente o acordo de 10 asociacións/clústeres representantes dos intereses de máis de 700 empresas, empresas tractoras, centros de coñecemento (o tres universidades galegas e os centros tecnolóxicos), os axentes sociais, as autoridades portuarias da Coruña, Ferrol e Vigo e a Xunta de Galicia.
Tamén incide en que "sendo Galicia unha potencia determinante do sector forestal español debe ser quen de transformar ese potencial no ámbito industrial das manufacturas. Neste sentido destaca o proxecto de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei (Lugo).
Poderiamos dicir que sen tecido produtivo non hai futuro, pero tampouco tecería produtivo se non melloramos nos factores de competitividade das nosas cadeas de valor estratéxicas e non incrementamos á súa vez a nosa participación en subsectores de desenvolvemento vinculados ás transicións ecolóxica e dixital".
No evento participaron Rafael Suárez López, subdirector xeral Desenvolvemento de Negocio non Vida, Mapfre España; Antón Costas, presidente do Consello Económico e Social de España (CES); Gerardo Cuerva, presidente de CEPYME; Raymond Torres, director de Conxuntura Económica de Funcas; Diego Barceló, responsable de Estudos de CEPYME; Fabián Márquez, presidente de Arinsa; Javier Santacruz, economista; Anxo Crespo Castro, director Desenvolvemento de Negocio, Previsión Social Empresarial. Mapfre Vida; Francisco Vidal, director de Economía e Políticas Sectoriais de CEPYME e Juan Manuel Vieites, presidente da CEG.