CEG

 

A CEG lamenta que o Comisionado do Goberno pospoña de maneira sistemática o encontro co empresariado galego para tratar a implementación do Corredor Atlántico

A CEG lamenta que o Comisionado do Goberno pospoña de maneira sistemática o encontro co empresariado galego para tratar a implementación do Corredor Atlántico

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) lamenta que o Comisionado do Goberno pospoña de maneira sistemática o encontro co empresariado galego para tratar a implementación do Corredor Atlántico.

Ante a última cancelación o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, sinala que se ofreceu o día 28 de xullo como posible data para unha reunión, que aínda non se celebrou e que conta catro cancelacións, con esta última. "Os atrasos non son adecuados, nin admisibles, máxime cando desde a Confederación de Empresarios de Galicia levamos desde marzo reclamando esta cita. Debemos sinalar que José Antonio Sebastián si se reuniu con outras organizacións en diversas rexións e si acudiu a outras citas. Comprometeuse a atoparse cos empresarios e as empresarias de Galicia para tratar un tema tan importante, pero a postergación é unha constante. Que había eleccións xa se sabía".

Desde a CEG insisten, como noutras ocasións, "o feito de que en España vivamos, practicamente, todos os anos procesos electorais, poden condicionar as decisións dos gobernos. Hai que inspirar un marco estable e seguro ás empresas e aos traballadores. A confianza é clave. Os procesos electorais non deben prexudicar a necesaria cooperación entre administracións. Necesitamos cohesión para sacar adiante a importante transformación que necesitamos. A acción de goberno debe ser coordinada e constante e debe pensar en proxectos de país. Necesitamos ser consultados, participar e coñecer os plans e accións dos nosos gobernos".

Vieites advirte que "do éxito na implementación do Corredor Atlántico como unha ruta de transporte eficiente e sustentable en Europa, dependemos todos e beneficiarémonos todos, por tanto, é compromiso e deber de todos. Para iso, queremos neste momento atraer o foco da axenda pública das administracións cara ao traballo da plataforma. Non podemos perder de vista este obxectivo estratéxico. Ofrecémoslle lealdade, pero avisamos que seriamos esixentes coa xeración económica e a competitividade das empresas en Galicia na execución e desenvolvemento de todas as partes do Corredor Atlántico. Pedimos unha liña directa e permanente de diálogo, que nos faga partícipes do Plan director, da súa definición, execución e do seu seguimento. E non está a ocorrer".

Desde a Confederación de Empresarios de Galicia, subliñaron, en numerosas ocasións, que se require dun traballo coordinado entre entidades públicas e privadas, con outras comunidades autónomas, co Goberno do Estado, entre países e coa Comisión Europea. "É a única fórmula para asegurar que os obxectivos e prazos establecidos pola UE se cumpran de maneira integral".

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.