CEG

 

A CEG explica ao coordinador de Podemos Galicia e candidato número dous á Xunta que piden "un marco político estable para inspirar confianza e facilitar a toma de decisións empresariais"

A CEG explica ao coordinador de Podemos Galicia e candidato número dous á Xunta que piden "un marco político estable para inspirar confianza e facilitar a toma de decisións empresariais"

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reuniuse co coordinador nacional de Podemos Galicia e candidato número dous de Podemos á Xunta de Galicia, Borja San Ramón.

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites explicou que o empresariado galego enfronta desafíos cruciais con eleccións e cunha conxuntura económica complexa. "Diante do proceso electoral, esíxese un marco político estable para inspirar confianza e facilitar a toma de decisións empresariais. A situación inflacionaria preocupa. Requírense políticas que mitiguen os seus impactos en custos e prezos empresariais; un ambiente propicio para o investimento; flexibilidade e estratexias que permitan ás empresas adaptarse aos conflitos internacionais e manter a competitividade".

Din que resulta esencial impulsar a actividade económica, o crecemento e a xeración sostida de emprego. "Debe facerse apoiando ás empresas nesta contorna de incerteza, evitando que calquera medida adoptada introduza rixideces e custos adicionais que poidan frear o xa ameazado ritmo de creación de emprego".

Así mesmo, quixo subliñar que "as empresas son o motor económico e un alicerce fundamental. Hoxe máis que nunca é preciso dar unha imaxe de unidade, cremos no noso país e para que España e Galicia progresen con independencia e sentido de estado debemos desenvolver a nosa actividade e o devir político, económico e social nun clima de respecto, tamén á empresa. Os ataques han de cesar. A nosa postura é firme, defendemos o valor da empresa na economía. O noso labor é xerar máis actividade e emprego, arriscando os nosos recursos".

Con respecto ao incremento do SMI e medidas como a redución de xornada "orixinan un incremento de custos empresariais, e unha afectación grave ao sistema de relacións laborais, baseado no diálogo social e a negociación colectiva". 

Neste apartado, lembraron que "non debemos esquecer o absentismo laboral por ITCC está a supor un gravísimo problema para unha gran parte dos sectores empresariais. É necesario fortalecer e pór en valor o Diálogo social tripartito para realizar un traballo permanente de proposta de medidas, de avaliación de impacto e resultados e modificación destas ou proposición de novas medidas en función da evolución socioeconómica de Galicia". 

Tamén abordaron o tema da fiscalidade, pois supón un importante factor que afecta directamente á competitividade, tamaño e supervivencia das empresas e debería facilitar a súa continuidade mediante medidas que non afecten á súa liquidez. "Por iso, propoñemos un sistema fiscal máis simplificado, que evite a deslocalización cara a rexións cunha fiscalidade máis beneficiosa e que tamén atraia investidores. Será  imprescindible aliviar a presión fiscal que padecen os fogares e as empresas".

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.