A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) condena "enerxicamente calquera ataque persoal ou descualificación dirixida a funcionarios públicos ou ás súas familias", resaltando "a necesidade de manter o respecto e as canles adecuadas para manifestar calquera opinión ou posicionamento ante ao desenvolvemento de iniciativas empresariais". Así se refiren ás manifestacións polo proxecto de Altri levadas a cabo diante do domicilio particular da Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.
Desde a CEG expresaron o seu respaldo "aos proxectos empresariais que na nosa comunidade concorran para o desenvolvemento industrial de Galicia, tan necesario e urxente e tamén ao labor esencial das administracións públicas, desde o rigor e a profesionalidade, na tramitación dos devanditos proxectos, garantindo a seguridade xurídica e fomentando un clima de confianza para o investimento empresarial".
O presidente da Confederación afirma que "non se debe aceptar ningún tipo de coacción nin á conselleira nin a ningún empresario ou empresaria nin a ningunha persoa e moito menos no ámbito privado ou familiar". Subscribindo as declaracións de Ángeles Vázquez insta a, "en todo caso, acudir ás canles legais existentes".
"O razoable é condenar calquera acto de intimidación cara a funcionarios públicos, avogando polo respecto ás institucións e aos procedementos establecidos na xestión de proxectos empresariais", di.