CEG

 

Unha relevante delegación polaca analizará en Santiago e en Vigo as oportunidades de investimento tanto nese país como en Ucraína en sectores estratéxicos para Galicia e España, da man da CEG

Unha relevante delegación polaca analizará en Santiago e en Vigo

A Confederación de Empresarios de Galicia organiza en Santiago de Compostela o Seminario "Invista e financie o seu investimento en Polonia e Ucraína", o martes 18 de abril e a xornada informativa "Polonia, oportunidades de negocio no mercado polaco -con algúns aspectos do mercado ucraíno-", o mércores 19, en Vigo, coorganizadas coa Cámara de Comercio polaco-española (PHIG) e o Consorcio Zona Franca de Vigo (CZFV).  

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, subliña que "a relevancia de Polonia como país estratéxico no proceso de reconstrución de Ucraína, onde se están levando xa a cabo unha serie de licitacións para satisfacer as necesidades actuais dos cidadáns ucraínos e reconstruír as súas infraestruturas, e a importancia do país desde o punto de vista das oportunidades de negocio nos sectores das enerxías renovables - solar, eólica, hidroeléctrica, etc.- e infraestruturas, entre outros, son as cuestións que nos levaron a organizar este encontro". 

Aínda que é verdade que Polonia, como Galicia presenta sectores moi atractivos para as empresas do noso país, xa que a maioría dos fondos europeos van destinados a estradas ou ferrocarrís, por exemplo, "un sector no que hai numerosas empresas españolas. Como nós, este país tamén avanza cara á descarbonización, en liña coas políticas da UE e enfróntase á necesidade de modernizar o sector enerxético, coa construción de novas fontes de enerxía e coa renovación das existentes. Entre as enerxías prioritarias para Polonia atópanse as enerxías renovables como a solar, enerxía eólica, hidroeléctrica, etc.  De aí a relevancia de ambas as xornadas", sinala Vieites. 

Ambos os dous encontros están dirixidos a investidores e contratistas de Galicia que estean a considerar ou xa estean a desenvolver proxectos ou investimentos fóra de España con empresas polacas e ucraínas. No evento tamén abordarán cuestións relativas a financiamento; oportunidades de investimento no sector das infraestruturas, a enerxía ou o sector agroalimentario, entre outros sectores estratéxicos para Galicia e España. 

Por outra banda, lembra que "a pesares da guerra, as organizacións internacionais e a administración ucraína están a levar a cabo xa unha serie de licitacións, para satisfacer as necesidades actuais dos cidadáns ucraínos e reconstruír as súas infraestruturas, por tanto, analizaremos o estado actual e as perspectivas de reconstrución e oportunidades de investimento. Xa que miles de empresas polacas xa están involucradas no proceso de reconstrución de Ucraína, algunhas dentro de consorcios internacionais, e estas asociacións entre empresas polacas e españolas/galegas poden servir de ponte para os investimentos españois en Ucraína" 

Na inauguración da primeira destas sesións de traballo con empresarios e empresarias, ademais da delegación polaca, conformada pola embaixadora de Polonia en España, Anna Sroka; o presidente do consello da Cámara de Comercio polaco-española, Stefan Bekir Assanowicz; o vicepresidente do consello da Cámara de Comercio polaco-española, Miroslaw Weglarczyk; a directora xeral da Cámara de Comercio polaco-española, Zuzanna Gołębiewska; participarán ademais Francisco Conde, vicepresidente 1º e conselleiro de Economía; Xosé Antonio S. Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela; David Regades, delegado do Goberno de España na Zona Franca de Vigo, e José Ramón G. Besteiro, delegado do Goberno de España en Galicia.

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.