A CEG recibe a unha delegación de México, Ecuador e Bolivia do Instituto Internacional de Marketing e Comunicación, e resalta o papel de “Galicia como porta de entrada a España e Europa para establecer relacións comerciais”
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) recibiu a unha delegación internacional do Instituto Internacional de Marketing e Comunicación, integrada por representantes de México, Ecuador e Bolivia, enmarcada no Diplomado Internacional de Liderazgo, Innovación e Desenvolvemento Social – España e Portugal.
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, destacou que elixisen Galicia como un dos destinos deste programa, “unha magnífica oportunidade para compartir experiencias, coñecemento e, sobre todo, para estreitar vínculos entre as nosas comunidades empresariais”.
Vieites afirma que “Galicia é unha terra aberta ao mundo e ten unha relación particularmente estreita con América Latina. Xa non falamos unicamente de vínculos históricos ou familiares, senón de empresa, investimento, innovación, coñecemento, comercio e cooperación. E aí é onde a CEG ten un papel que desempeñar”.
Sinala que “entendemos que a internacionalización non consiste unicamente en vender fóra das nosas fronteiras. Internacionalizarse significa crear relacións de confianza, coñecer outros mercados, identificar socios, compartir coñecemento e construír proxectos comúns. E encontros como o que hoxe celebramos son precisamente unha ferramenta para iso. México, Ecuador e Bolivia son países cos que Galicia mantén vínculos importantes e cos que existen ámbitos de interese empresarial compartido”.
México, pola súa dimensión económica e a súa posición estratéxica en América do Norte, ofrece numerosas posibilidades de colaboración para as empresas galegas en sectores como a industria, a alimentación, os servizos, as infraestruturas, a enerxía, a tecnoloxía ou a economía do coñecemento.
Ecuador mantén tamén unha relación especialmente significativa con Galicia, sustentada en importantes vínculos sociais e humanos, e presenta oportunidades de cooperación empresarial en ámbitos como a agroindustria, a pesca e alimentación, as infraestruturas, a enerxía, os servizos e a innovación.
E Bolivia, cos seus recursos, o seu potencial de crecemento e as súas necesidades de modernización e diversificación produtiva, ofrece igualmente espazos para a cooperación e para o intercambio de capacidades empresariais e tecnolóxicas.



O presidente do empresariado galego afirma que “cada un destes mercados ten as súas propias características, necesidades e marcos económicos. Precisamente por iso, o coñecemento mutuo resulta tan importante. Non existe internacionalización sen coñecemento. E non existe cooperación empresarial duradeira sen confianza. Por iso valoramos especialmente a presenza dunha delegación como a que hoxe nos acompaña”.
Juan Manuel Vieites explicou que “vivimos nun contexto de profundas transformacións: dixitalización, intelixencia artificial, transición enerxética, cambios nos modelos de produción e consumo, novas formas de traballo e unha crecente necesidade de que a actividade empresarial xere tamén valor social. Ante estes desafíos, necesitamos empresarios e profesionais capaces de liderar o cambio, innovar e establecer alianzas. E necesitamos tamén espazos como este, nos que poidamos aprender uns de outros”.
Para rematar, engadiu que “desde Galicia queremos que empresas e institucións destes países vexan Galicia como unha porta de entrada a España e a Europa, como un territorio desde o que establecer relacións comerciais, industriais e de coñecemento”.
Na reunión participaron: Hernán Arturo Rojas, reitor da Universidade Estatal de Bolivar (Ecuador); Norma Elizabeth Alfaro, reitora da Universidade Magno Amerciana (México); Froylán Muñoz, maxistrado federal; Ana Lucía Melena, ex presidenta da Cámara Municipal de Cobija (Bolivia); Verónica Velázquez, fundadora de MEUMA e conselleira cidadá metropolitana de Guadalaxara (México); Gabriela Casillas, directora xeral de Capacitación e conselleira do Comité Directivo Estatal do PAN no estado de México; Ericka Yudith, concelleira do Municipio do Ouro, no estado de México; Jesús Zahir, membro da Secretaría Estatal de Acción Xuvenil do PAN no estado de México; Eustacio Tafoya, broker financeiro (México); Eladio Jardón, director do Instituto Internacional de Marketing e Comunicación; César Blanco, presidente do GDOCE, Grupo Empresarial de Servicios SL; e Juan Manuel Vieites, presidente da CEG.
A CEG celebra a sexta edición do torneo “Atlantic Golf Business Cup”, organizada xunto coa AEP e co patrocinio de ABANCA
Ler máisFundación INADE y la CEG impulsarán la divulgación de la gestión integral del riesgo entre las empresas gallegas
Ler máis
Contacta coa
CEG