A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) avala a orde lexislativa que regulará as bases do “II Plan de rescate para persoas traballadoras, microempresas e hostalería” da Xunta de Galicia, tras a reunión telemática de Diálogo Social mantida esta mañá entre a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; o presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites; e os secretarios xerais de UXT e CCOO en Galicia, José Antonio Gómez e Ramón Sarmiento, respectivamente, en aras de pechar a proposta e comezar a súa tramitación administrativa.
A CEG insiste en que debe haber a máxima coordinación entre as administracións públicas implicadas, defendendo a existencia dun portelo único, a do Goberno autonómico, para xestionar os fondos que cheguen a toda Galicia o máis axiña posible –as axudas deben abonarse no mes de marzo-, e coa esixencia do establecemento duns requisitos o máis flexibles posibles; pero reclamando ao mesmo tempo o apoio económico para os sectores que máis están a sufrir as consecuencias da crise a deputacións e concellos.
Finalmente, Juan Manuel Vieites considera que “á marxe da tramitación urxente deste segundo paquete de medidas, débese de comezar a traballar xa nun terceiro Plan de rescate porque as axudas deben continuar mentres dure a crise”.