A CEG reclama unha estratexia común entre Galicia e o Norte de Portugal para converter a eurorrexión nun dos grandes polos económicos do Atlántico europeo
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) defendeu no seu Foro Empresarial de Baiona, a necesidade de dar un novo impulso á cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, mediante unha estratexia compartida, que reforce a competitividade da eurorrexión e permita aproveitar todo o seu potencial económico.
Durante a inauguración do encontro, o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N), Álvaro Santos, destacou que Galicia e o Norte de Portugal constitúen unha eurorrexión de máis de seis millóns e medio de habitantes, cunha intensa actividade económica, empresarial e laboral, unida por unha historia, unha cultura e uns intereses comúns.
Neste contexto, púxose en valor o traballo que a CEG vén desenvolvendo, desde hai anos, para fortalecer a cooperación transfronteiriza, a través de iniciativas europeas como EURES e Enterprise Europe Network, así como mediante proxectos dirixidos a facilitar a mobilidade laboral, a internacionalización das empresas e o acceso conxunto a novas oportunidades de negocio. Así mesmo, lembrouse o recoñecemento outorgado pola Comisión Europea ao traballo realizado pola organización empresarial galega como referente para comprender o funcionamento do mercado laboral transfronteirizo.
O foro serviu tamén para identificar os principais retos que deberán marcar a axenda conxunta de ambos os territorios durante os próximos anos. Entre eles, o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, destaca “a necesidade de avanzar na conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto como infraestrutura estratéxica para mellorar a mobilidade de persoas e mercancías, reforzar o Corredor Atlántico e aumentar a competitividade do noroeste peninsular”.





Outro dos desafíos sinalados é a integración do mercado laboral mediante a aprobación do Estatuto do Traballador Transfronteirizo, “unha medida que permitiría eliminar barreiras administrativas e ofrecer maior seguridade xurídica tanto a empresas como a traballadores”.
Durante o encontro tamén se defendeu a necesidade de “consolidar a eurorrexión como un gran hub atlántico, aproveitando o potencial conxunto dos seus portos, plataformas loxísticas, tecido industrial e parques empresariais para atraer investimentos, desenvolver cadeas de valor compartidas e fortalecer sectores estratéxicos como a automoción, a loxística, a economía azul, a industria agroalimentaria ou a mobilidade sostible”.
A cooperación en materia enerxética, a xestión sostible dos recursos naturais e dos montes, a prevención conxunta de incendios forestais e o impulso ao Camino Portugués, como proxecto compartido de desenvolvemento económico e turístico, son outros dos ámbitos considerados prioritarios para seguir reforzando a integración entre ambos os territorios.
Finalmente, fíxose un chamamento “para aproveitar o próximo marco financeiro europeo 2028-2034, para presentar unha axenda común ante as institucións europeas, centrada en proxectos transformadores relacionados coas infraestruturas, a innovación, a enerxía, a dixitalización, a loxística, a industria e o turismo sostible”.
Vieites reitera que “a economía xa funciona como unha auténtica eurorrexión e que agora corresponde ás institucións e ás organizacións empresariais crear as condicións necesarias para facilitar unha integración cada vez máis eficiente, capaz de converter a Galicia e ao norte de Portugal nun dos grandes polos económicos do Atlántico europeo”.
A CEG reclama transparencia e garantías para que Galicia non quede á marxe da rede ferroviaria europea
Ler máis
Contacta coa
CEG