CEG

 

A CEG súmase á solicitude de CEOE e ATA ao Goberno para que reduza as cargas impositivas e cotizacións sociais

A CEG súmase á solicitude de CEOE e ATA ao Goberno para que reduza as cargas impositivas e cotizacións sociais

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) súmase á solicitude de CEOE e ATA e pide ao Goberno que reduza as cargas impositivas e cotizacións sociais que permita apoiar o investimento, manter o emprego, crear novos postos de traballo e afrontar a actualización de salarios. 

"Cunhas cargas ao traballo na contorna do 40% do salario, resulta complicadísimo subir os salarios. Goberno e sindicatos cargan toda a responsabilidade sobre 3,4 millóns de empresarios, cando non todas teñen beneficios e as que traballan no ámbito da contratación pública non poden repercutir os incrementos ás administracións: é preciso unha modificación normativa que o permita", advirte o presidente da entidade galega.  

Ademais, engade que "outro elemento que lastra a competitividade e incrementa os custos de maneira significativa son os altos índices de absentismo que padecen as empresas. É necesario adoptar medidas que contribúan á súa redución e abordalo conxuntamente". 

Cabe lembrar que, aínda que as horas traballadas creceron un 0,4% no primeiro trimestre, tras a caída rexistrada nos últimos meses de 2022, continúan estando por baixo dos niveis previos á crise (0,5% inferiores ao cuarto trimestre de 2019). Segundo detallan desde a CEG, a isto hai que sumar que a remuneración por asalariado e o custo laboral unitario continúan aumentando e sitúan a súa taxa de crecemento no primeiro trimestre no 3,6% e o 2,0% interanual, respectivamente.  

"En comparación coa situación previa á crise, os custos laborais unitarios son uns 8,8% superiores aos do cuarto trimestre de 2019. Hai que sinalar que este aumento de custos para as empresas resulta inoportuno nun contexto como o actual, de incerteza, riscos á baixa para o PIB, maiores custos financeiros e de encarecemento dos inputs necesarios para a súa actividade fronte aos niveis previos á crise". 

Juan Manuel Vieites explica que "se atendemos á Enquisa de Poboación Activa (EPA), desde a CEG temos que volver insistir: o desemprego segue sendo un dos principais retos da nosa economía, o que pon de manifesto a necesidade de levar a cabo medidas de apoio á empresa, tanto no ámbito fiscal como desde o punto de vista regulatorio. Descendeu a ocupación en -11.100 persoas, á vez que se rexistra un sensible aumento do desemprego. Con 103.800 persoas máis, o número de desempregados situouse en 3.127.800 persoas e a taxa de paro elevouse en case catro décimas, até o 13,26% da poboación activa. Debemos centrar os esforzos en priorizar o emprego sobre outros factores, nun contexto de elevada incerteza, con riscos á baixa, onde o mercado laboral non é inmune ás dificultades que enfrontan as empresas".  

O sector privado perdeu 8.800 empregos no primeiro trimestre, o que supón unha cifra moi inferior ao habitual neste período (cunha media de caída de 121.700 empregos nos anos 2014-2019). "Isto denota o esforzo que realizan as nosas empresas para manter os seus traballadores en persoal, a pesar dos riscos á baixa existentes. Pero o sector público tamén descendeu a ocupación, en 2.300 persoas.  Por tanto, é imposible falar de subidas de salarios sen ter en conta todo o demais", subliña Vieites.  

"A solución require da implicación de todos. En particular, un esforzo do Goberno se non quere acabar co tecido produtivo que xa bastante sofre con toda a situación actual. Dende a CEG mantivemos a postura dunha subida paulatina e atendendo ao momento que se vive.  Así como tamén é necesario incidir en plans e medidas de apoio á formación, que permitan a adaptación rápida das empresas e as persoas traballadoras aos retos e necesidades da contorna produtiva actual", remata. 
  

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.