O presidente do Grupo Alvariño, José Manuel Fernández Alvariño, reuniuse esta mañá en Vigo co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, para presentarlle catro proxectos estratéxicos cos que o Grupo empresarial familiar vigués aspira a captar fondos do programa Next Generation EU. Trátase da primeira reunión do empresario e ex presidente da CEG co novo titular da Confederación de Empresarios galega, despois de que Vieites anunciase a designación de José Manuel Fernández Alvariño para o Comité de Expertos que asesorará á CEG.
Alvariño trasladou a Vieites os pormenores dos catro proxectos nos que veñen traballando as súas empresas, en liña todos eles cos obxectivos estratéxicos que se marcaron para os fondos europeos que impulsarán a recuperación da economía tras a pandemia. En concreto, o Grupo Alvariño está a desenvolver dous proxectos no ámbito das enerxías renovables a través das súas insignias Voltfer, especializada solucións de eficiencia enerxética e instalacións fotovoltaicas de autoconsumo, e Gallaecia Solar, nova compañía do Grupo Alvariño centrada na promoción de parques solares fotovoltaicos de tamaño medio.
A estes súmanse outros dous proxectos que parten das divisións TIC do Grupo empresarial: Demesix, que achega solucións tecnolóxicas para a xestión da mobilidade urbana, presentará unha iniciativa centrada no avance da mobilidade sostible nas urbes e localidades galegas; e Galvintec, que traballa nun gran proxecto para o avance do e- commerce na Comunidade.
Traxectoria consolidada do Grupo en TIC e renovables
Con 75 anos de traxectoria empresarial, o Grupo Alvariño está hoxe presente en negocios tan diversos como a industria TIC, as enerxías renovables, os seguros, a formación, o inmobiliario ou a distribución, que se viñeron sumando á súa rama de actividade orixinal no mundo do automóbil.
Nos últimos anos, este grupo empresarial familiar está a facer unha forte aposta polos sectores da nova economía, coas renovables e as TIC como áreas de crecemento preferente. A posición consolidada das empresas do Grupo Alvariño nestes sectores permite a este Grupo familiar contar cunha posición vantaxosa para o desenvolvemento de novos proxectos empresariais nas áreas da dixitalización e a economía verde, eixos estratéxicos dos investimentos que ampara o Programa Next Generation EU para o impulso da economía post-pandemia.