gl
  • es
  • gl
Home > A Comisión de RRLL, Formación e Emprego da CEG aborda con Rosa Santos, directora de Emprego de CEOE, a incapacidade temporal e o Plan Integral de prevención, benestar laboral e reincoporación saudable

A Comisión de RRLL, Formación e Emprego da CEG aborda con Rosa Santos, directora de Emprego de CEOE, a incapacidade temporal e o Plan Integral de prevención, benestar laboral e reincoporación saudable

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebrou unha reunión monográfica da Comisión de Relacións Laborais, Formación e Emprego sobre a incapacidade temporal por continxencia común (ITCC), coa participación de Juan Manuel Vieites, presidente da CEG; Enrique M. Mallón, presidente da comisión; e Rosa Santos, directora do Departamento de Emprego, Diversidade e Protección Social de CEOE.

Rosa Santos subliña que algunhas medidas do plan galego son “extrapolables ao resto de España. Un dos principais problemas son as baixas por continxencias comúns, onde intervén un elemento moi importante e é que os médicos de atención primaria de cada comunidade autónoma dan as baixas, pero as paga o Ministerio de Seguridade Social e as empresas, entón a realidade en cada CCAA é distinta en función dos recursos, da coordinación, etc., que neste acordo abórdanse con moitísimo acerto. Esperemos que dea resultado e que poida servir de exemplo”.

Tamén explicou que, “en 2025, 1.700.000 persoas non foron traballar en España, sendo 1.500.000 baixas por continxencias comúns, por tanto hai un problema de recursos sanitarios, hai un problema de coordinación e nalgunha ocasión hai un problema de fraude. Onde situamos as organizacións empresariais a nosa prioridade na recuperación da saúde das persoas traballadoras. Cando un 7% dos traballadores de España acumulan o 50% dos procesos, máis de 4,5 millóns de baixas: somos o país do mundo con maior número de incapacidades temporais por continxencias comúns. Por tanto, estudaremos o plan, para ver se se pode extrapolar a outros territorios”.

A directora do Departamento de Emprego, Diversidade e Protección Social de CEOE detallou que “as causas das baixas de menos de catro días son xeralmente as dores de cabeza, diarreas, náuseas ansiedade. Creceron as baixas de menos de catro días un 300%. E creceron as baixas de máis de 365 días, incluso as de máis de 720 días e por razóns motivos, e é por falta de control e porque o IMSS non ten recursos e non está a facer fronte a ese control. A porcentaxe máis alta lévanllo as enfermidades músculo esqueléticas e a segunda as enfermidades mentais, que se incrementaron un 95%. Tamén están a aumentar as baixas en menores de 35 anos”.

O presidente da CEG afirma que o Plan integral de prevención, benestar laboral e reincorporación saudable “supón un avance positivo e práctico para mellorar a saúde e o benestar das persoas traballadoras, reforzar a prevención e facilitar unha reincorporación ao traballo segura e adecuada despois dunha incapacidade temporal”. Especialmente no ámbito da incapacidade temporal por continxencia común as medidas tratan de conseguir unha máis temperá recuperación da saúde das persoas traballadoras.

Para a CEG, este acordo “demostra que o diálogo social permite buscar solucións compartidas a cuestións complexas, combinando a protección das persoas traballadoras coas necesidades das empresas e cunha utilización responsable dos recursos públicos”.

O esforzo orzamentario na pinza temporal prevista 2027-2029 alcanza os 45.020.966 €.
Eixo 1: Prevención e benestar laboral – 17.750.615 €.
Eixo 2: Atención sanitaria e xestión da incapacidade temporal – 26.025.351 €.
Eixo 3: Corresponsabilidade e uso responsable do sistema – 750.000 €.
Gobernanza transversal: 495.000 €.

Unha das claves do plan é a súa adaptación á estrutura empresarial de Galicia. As pequenas empresas e as persoas traballadoras autónomas non sempre dispoñen dos mesmos recursos organizativos que as grandes empresas para desenvolver iniciativas adicionais de prevención e benestar.

Juan Manuel Vieites sinala que “a Incapacidade Temporal por Continxencias Comúns ITCC converteuse nun gravísimo problema para os sectores empresariais en España e en Galicia. Galicia destaca como unha das comunidades autónomas con maior duración media dos procesos de ITCC: mentres a media do Estado se situou en 2025 en 41,90 días (total do Sistema de Seguridade Social – EEGG + Mutuas), Galicia alcanzou os 78,85 días case duplicando a media española”.

De acordo cos datos facilitados pola Asociación de Mutuas (AMAT) o equivalente de traballadores que non acudiron ningún día do ano para traballar para a poboación protexida polo total sistema, no exercicio 2025, na Comunidade Autónoma de Galicia foi de 106.529 traballadores protexidos (incremento interanual do 10,35%), mentres que para o total do territorio estatal ascendeu a 1.789.369 traballadores protexidos, experimentando un aumento do 17,17% respecto ao exercicio 2023.

Por outra banda, da comparativa de patoloxías traumatolóxicas ou osteo-articulases derivadas de continxencias comúns respecto ás mesmas patoloxías derivadas de continxencias profesionais, conclúese que as persoas que padecen as derivadas de continxencia común tardan en recuperar a súa saúde 62 días máis en Galicia (33 días máis na media estatal) e que por tanto a duración das primeiras duplica ás segundas, en gran parte motivada pola tardanza na realización das probas necesarias para o diagnóstico e o seu tratamento.

“Se se reducise esta importante brecha produciríase un aforro económico de 284 millóns de euros en Galicia e 3.524 millóns de euros en España dos cales en Galicia serían 181 millóns de euros a favor das contas públicas de Seguridade Social e 103 millóns a favor das empresas. Estas cifras ascenderían no total de España a un aforro de 2.196 millóns a favor das contas públicas da Seguridade Social e a 1.328 millóns a favor das empresas”, asegura.

Por iso entre as medidas previstas no Plan para abordar esta problemática figuran:

  • A consolidación e extensión do plan de mellora da xestión e control das IT da Consellería de Sanidade
  • Unidades especializadas en trastorno musculoesquelético (TME) e saúde mental, con médico consultor
  • Circuítos de recuperación funcional por patoloxía: Estratexia Galega de Recuperación Funcional
  • Protocolo de revisión clínica
  • Descarga administrativa de primaria, tempo clínico protexido e simplificación de trámites asistenciais
  • Reforzo da colaboración coas mutuas para a xestión da IT por continxencias comúns
  • Reforzo da colaboración coas mutuas colaboradoras coa Seguridade Social na xestión da incapacidade temporal por continxencias comúns
  • Historia laboral na historia clínica e cadro de mando asistencial da IT
  • Comparación entre áreas sanitarias e aprendizaxe organizativa
  • Reforzo da capacidade asistencial do Servizo Galego de Saúde

Vieites engade que o plan contempla unha carta de dereitos e deberes durante a incapacidade temporal e medidas destinadas a protexer a integridade e o valor colectivo do sistema de protección. A idea central é que un sistema de protección sólido debe garantir os dereitos de quen realmente o necesitan e, ao mesmo tempo, funcionar de xeito responsable e sostible.

“Outro elemento que convén destacar é a coordinación entre os distintos axentes que interveñen nestes procesos. Agora quédanos poñer en marcha estas medidas, co obxectivo de reducir o impacto da incapacidade temporal por continxencia común sobre as nosas empresas e persoas autónomas”, conclúe.