O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Vieites, asinaron hoxe un convenio de colaboración para reforzar as sinerxías entre ambas partes no ámbito da FP.
O titular de Educación da Xunta de Galicia salientou como “fundamental traballar man a man co tecido empresarial da Comunidade para axustar a oferta e os currículos académicos ás necesidades do mundo laboral, apostando por unha formación de calidade e, á vez, sinónimo de empregabilidade”, unha colaboración que “é se cabe máis necesaria no ámbito da Formación Profesional”.
Así mesmo, o representante autonómico destacou que se vai crear un selo distintivo de empresa colaboradora para aquelas que participen en iniciativas como cursos de formación a profesorado ou no desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica nos centros de FP, entre outras accións. Así mesmo, recibirán unha certificación todas as persoas que desempeñen a función de titores de alumnado de FP. “Dúas accións coas que queremos poñer en valor a implicación de profesorado e empresas neste eido”, afirmou.
Tamén se anunciou que, ao abeiro deste acordo, se abordará a futura creación dun programa de bolsas de formación por parte da CEG para aqueles alumnos especialmente sobresaíntes que rematen ciclos ou másteres de FP, “unha medida coa que queremos apoiar o talento e a excelencia dos nosos estudantes”.
Másteres de FP
Román Rodríguez destacou que o acordo asinado hoxe establece novas vías de colaboración “nunha iniciativa pioneira como son os másteres de FP”, na que a Confederación de Empresarios de Galicia vai colaborar de xeito significativo.
Neste sentido, a CEG comprométese a colaborar na formación do profesorado que imparta a quincena de másteres de Formación Profesional que está previsto implantar a partir do vindeiro curso en relación a sectores emerxentes como big data, intelixencia artificial, desenvolvemento sostible, industria intelixente, robótica ou 3D, entre outros,.
Así mesmo, contribuirá a identificar as empresas que poidan colaborar no desenvolvemento dos másteres e a divulgar a existencia destes cursos, especialmente entre as pequenas e medianas empresas.
O convenio prevé tamén reforzar as liñas de colaboración que xa veñen funcionando, como o apoio ao desenvolvemento por parte dos estudantes de FP de proxectos de innovación tecnolóxica en estreita colaboración co tecido produtivo das contornas dos centros educativos, en prol da transferencia de coñecemento; ou a acollida de alumnado de FP para a realización do módulo de Formación en Centros de Traballo (FCT).
Asemade, manterase a canle de colaboración para o recoñecemento da experiencia laboral das persoas traballadoras ou para a formación e actualización dos coñecementos do profesorado, entre outras accións.
FP de prestixio e empregabilidade
“Estou convencido de que esta colaboración co tecido empresarial, e nomeadamente coa Confederación, permitirá seguir impulsando a nosa Formación Profesional como un referente de prestixio e empregabilidade”, salientou o conselleiro, que agradeceu “a implicación da Confederación de Empresarios e do seu presidente, Juan Vieites”. “O noso obxectivo é seguir impulsando unha FP de calidade, innovadora e axustada á nosa realidade socioeconómica, unha medida coa que queremos apoiar o talento e a excelencia dos nosos estudantes”, engadiu.
Pola súa banda, Juan Manuel Vieites amosou a súa satisfacción pola sinatura deste convenio en base ao cal “pretendemos deseñar conxuntamente unha oferta académica de calidade; adecuada ás necesidades do mundo laboral –transformada nos últimos tempos a unha velocidade de vertixe debido sobre todo á evolución tecnolóxica e dixital e acelerada pola pandemia mundial do Covid-19; e que por suposto redunde na empregabilidade dos alumnos e das alumnas”.
“Porque non cabe dúbida de que cando falamos de Formación Profesional falamos de emprego, de creación de riqueza, de benestar social e por suposto tamén de impulso aos negocios e ás empresas”, expuxo o presidente da CEG.