Desde a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) queremos alertar dun posible desmantelamento dos servizos ferroviarios que operan en Galicia. A diminución de frecuencias fixada por Renfe tras o comezo da crise sanitaria afectou –e segue afectando– principalmente os trens de media distancia, que son os que máis usan as persoas para ir traballar, tendo que cambiar o uso habitual deste medio de transporte polo vehículo privado por estrada, cos consecuentes incrementos de prezo e de tempo.
Está fóra de toda dubida que a situación xerada polo coronavirus non pode ser unha escusa para reducir os servizos de transporte de tren aos galegos, e o feito de que se trate dun servizo público –pago cos impostos de todos-, debe predominar por encima de toda consideración económica.
Tememos que os recortes pasen a ser definitivos pola crise sanitaria, e que obviamente contribúan a facer máis grande a brecha na comunicación do noroeste peninsular. Por todo iso, solicitamos o pronto restablecemento dos devanditos servizos que axuden a normalizar e a facilitar o desprazamento dentro do noso territorio e en conexión co resto do Estado.