A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) comezou, un ciclo de cinco xornadas centradas na sostibilidade, cuxo obxectivo é informar, capacitar e fomentar prácticas sustentables que non só garantan o cumprimento normativo, senón que tamén reforcen a competitividade do tecido empresarial de Galicia. Este ciclo está organizado pola CEG, no marco da Enterprise Europe Network, rede europea á que pertence como socia do consorcio Galactea Plus.
A actividade arrincou coa xornada titulada "O mercado dos Certificados de Aforro Enerxético (CAE): como optimizar os investimentos en eficiencia enerxética?". Este primeiro encontro pretende dar a coñecer aos asistentes o funcionamento do sistema CAE e como pode converterse nunha ferramenta crave para recuperar investimentos en eficiencia enerxética. Unha posibilidade para reducir os seus custos enerxéticos, incrementar a eficiencia e avanzar cara a un modelo máis sostible.
Desde a CEG destacan a necesidade de pór en valor o compromiso, os esforzos e os investimentos das empresas no ámbito da sostibilidade. Neste sentido, explican que "os Certificados de Aforro Enerxético (CAE) son unha ferramenta para que as empresas poidan recuperar parte dos seus investimentos realizados en eficiencia enerxética, xa que poderán recibir unha compensación vendendo os aforros enerxéticos para a súa posterior certificación mediante o sistema de CAEs. Este sistema é unha ferramenta imprescindible para a descarbonización e o aumento da competitividade das pequenas e medianas empresas", sinalan.
O director do departamento de Enerxía do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Javier Domínguez, explicou o porqué e a orixe dos certificados de aforro enerxéticos, como funciona este sistema, cales son os actores que participan no mesmo, centrándose sobre todo no papel do INEGA como xestor autonómico encargado da validación e emisión de CAEs, da súa preinscrición no Rexistro Nacional de CAE e de remitir ao coordinador nacional a información correspondente.
A responsable de Dixitalización de Reganosa, Rocío Veiga, tras presentar brevemente Reganosa, falou da xestión enerxética que levan a cabo na terminal de Mugardos. Contou o exemplo dunha actuación levada a cabo na terminal que podería dar lugar a CAEs e as limitacións que atoparon. Para finalizar e como solución a estas limitacións, presentou a aplicación OIIO como unha solución de eficiencia enerxética para empresas.
O socio fundador de Dosfer, Sergio Fernández, explicou que "os servizos de enxeñaría e consultoría prestados por Dosfer permitiron até o momento o rexistro de CAEs correspondentes a un total de 52,3 GWh/ano de aforro enerxético, os cales supuxeron uns ingresos totais para os clientes de Dosfer, no seu maior parte pertencentes ao tecido produtivo galego, superiores ao seis millóns de euros".
Así mesmo, engadiu que "aínda que o mercado asociado ao sistema CAE é aínda un mercado incipiente, presenta un gran potencial para o seu desenvolvemento e constitúe unha gran oportunidade para o tecido produtivo galego, xa que permite a optimización dos seus investimentos en actuacións relacionadas coa eficiencia enerxética".
Os participantes, ademais de compartir os seus retos e aprendizaxes na optimización de iniciativas de eficiencia enerxética, clarificaron o seu rol no sistema e tentaron resolver as dúbidas de empresas que queren ou realizaron investimentos en eficiencia enerxética e desexan monetizar os seus aforros.
Neste debate, Juan Manuel García Sánchez, manager de Enerxía e Industria en AENOR; Marta Aguilar Idoeta, xerente de Desenvolvemento de Negocio; e Rafael Ramos, responsable de Servizos Enerxéticos de Repsol, sinalan que se trata dun sistema áxil en prazos, para que as empresas recuperen os seus investimentos en eficiencia enerxética. Así mesmo, lembran que este mercado é compatible coas axudas de eficiencia enerxética, sempre que non proveñan do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e que algunhas actuacións de eficiencia enerxética poden supor ata unha recuperación do 70% do investimento.
Ademais, subliñan que o protagonista deste mercado é o consumidor de enerxía, que comprende como funciona o sistema e aproveita a oportunidade para realizar actuacións de eficiencia enerxética que lle permitan monetizar os aforros.