CEG

 

A Comisión Mar Industria da CEG valora positivamente a posta en marcha de medidas que contribúan á recuperación do consumo de produtos do mar

A Comisión Mar Industria da CEG valora positivamente a posta en marcha de medidas que contribúan á recuperación do consumo de produtos do mar

A Comisión Mar Industria da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) valora positivamente a iniciativa anunciada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de lanzar un bono destinado a estimular o consumo de produtos da pesca, a acuicultura e o marisqueo.

Esperan que sexa "o comezo dunha estratexia que debería contar coa participación de todas as administracións, incluídas a estatal e a europea e que abarque a todos os produtos do mar". Por iso, seguen propoñendo "estudar campañas de sensibilización para fomentar o consumo de produtos do mar e explorar vías para reducir a carga fiscal sobre o sector".

Sinalan que esta medida é acorde coa demanda reiterada por parte do sector, xa anunciada previamente polo conxunto de subsectores, logo de non ser atendida a rebaixa impositiva, a diferenza de outros produtos básicos da cesta da compra, "e que desde hai tempo vén reclamando actuacións concretas para fomentar o consumo interno de produtos do mar, unha peza clave da economía galega e do emprego".

Neste sentido, apuntan que "se alcanzou o mínimo histórico de consumo de 18.16 kg por persoa/ano, fronte ao 27.20 kg por habitante de anos atrás; trátase da cifra máis baixa desde que hai rexistros, na que se confirma unha tendencia á baixa, sostida mes a mes ao longo dos últimos anos, afastando os hábitos nutricionais das recomendacións do Ministerio de Sanidade, do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e da Axencia Española de Seguridade Alimentaria (AESAN), entre outros. Esperemos que veñan moitas máis medidas desde a Xunta e tamén desde outras administracións".

Desde a Comisión Mar Industria destacan que promover o consumo de produtos do mar, "non só contribúe a mellorar a competitividade do sector pesqueiro, acuícola, industrial transformador e comercializador, senón que tamén reforza a aposta por unha alimentación saudable e sustentable, apoiando así a un sector estratéxico que xera riqueza e emprego en Galicia. Esperamos que esta iniciativa teña continuidade e poida ampliarse ou complementarse con outras accións de apoio estrutural que contribúan á recuperación do consumo de produtos do mar e promovan o seu valor engadido e uns hábitos de consumo saudables".

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.