CEG

 

A CEG anima a facer efectivas as disposicións da Lei do litoral de Galicia "coa participación de todos: con diálogo, consenso e sentido común e tamén coa cooperación do Goberno central"

A CEG anima a facer efectivas as disposicións da Lei do litoral de Galicia "coa participación de todos: con diálogo, consenso e sentido común e tamén coa cooperación do Goberno central"

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) valora positivamente a resposta en firme do Tribunal Constitucional, que, por unha banda, ratifica as competencias de Galicia en virtude do seu estatuto de Autonomía; e, doutra banda, nega que a nova regulación e en particular a que afecta os instrumentos de ordenación do litoral e dos concretos usos que podían realizarse, contravengan as disposicións da lexislación estatal aprobadas.

Tras a xuntanza da Comisión Mar-Industria, o presidente da CEG explicou que a nova normativa autonómica, preserva o cumprimento das esixencias da normativa estatal. "En consecuencia, debemos entender que a sentenza vén confirmar que a Lei 4/2023, de 6 de xullo, de Ordenación e Xestión integrada do Litoral de Galicia (LOLGA), non supón un menor nivel de garantía ou protección para o noso litoral, senón ao contrario: salvagarda o cumprimento das esixencias establecidas na lexislación estatal de costas". 

Por iso, instan a facer valer a LOLGA, "pero sen perder de vista o novo Regulamento de Costas e a normativa de cambio climático que impactará directamente sobre o sector".

Juan Manuel Vieites asegurou que a decisión do Tribunal Constitucional "fortalece a autonomía de Galicia na xestión costeira, indicando un equilibrio entre poderes estatais e rexionais. A sentenza é un paso importantísimo que nos dá seguridade xurídica para que Galicia poida xestionarse, como xa fan outras comunidades autónomas. Establece un punto de partida xa estable, no que o máximo garante da Constitución Española avala o desenvolvemento e aplicación práctica que o Parlamento de Galicia no exercicio do seu poder lexislativo fixo das competencias de Galicia en materia de ordenación do litoral".

Tamén engadiu que "é clave manter un diálogo construtivo entre as administracións competentes, que permita desenvolver, no que sexa preciso, a regulación no ámbito que corresponda e sobre todo coordinar a xestión e tramitación que precisen as accións a desenvolver sobre o territorio. Ninguén máis interesado e comprometido coa súa preservación e coidado que a xente do mar e os galegos que alí viven e traballan cada día".

A pesar da pronta resposta do Tribunal Constitucional, advirten que "perdemos un tempo moi valioso e é necesario avanzar e mirar cara adiante: O sector mar industria, como o resto dos sectores industriais de Galicia deben acometer, están a facelo xa, unha importante transformación que non admite demoras e que require seguridade xurídica. Galicia non quere ser máis nin menos que ninguén e este proceso era evitable, xa que outras comunidades autónomas han podido xestionar o seu litoral cos mesmos vimbias sen ningún tipo de obxección polo goberno central. En todo caso, é necesario que agora miremos cara adiante e avancemos".

Doutra banda, insistiron en que dende a CEG ínstase o Goberno central a que estableza unha mesa de análise e negociación cos sectores afectados, para que a regulación poña en equilibrio a protección e conservación do medio natural galego e o desenvolvemento socioeconómico da comunidade autónoma e por tanto dos seus sectores produtivos, especialmente ante calquera iniciativa ou reforma lexislativa ou regulamentaria, como a do regulamento da Lei de Costas.

O empresariado galego considera que "ambos os dous obxectivos (protección do medio e desenvolvemento socioeconómico) son viables e compatibles e o diálogo con todas as partes implicadas como o medio para alcanzar un marco que preserve o interese xeral. Os empresarios de Galicia e en particular os deste sector foron pioneiros en adoptar medidas e estratexias en favor da sustentabilidade e da preservación do medio no que desenvolven as súas actividades. Considerar aisladamente aspectos ambientais e obviar os sociais, económicos e culturais, sería desde o noso punto de vista un erro inédito".

Por último, engaden que "o traballo non acaba aquí: hai que facer efectivas as disposicións da norma, que requirirá do seu desenvolvemento e que debe facerse como a propia norma: coa participación de todos: con diálogo, consenso e sentido común e tamén coa cooperación do Goberno central que detenta os medios materiais e persoais que agora deberían porse a disposición de Galicia". 

Así mesmo, valoran positivamente "o impulso do novo goberno de Galicia para ordenar e normalizar a xestión do noso litoral. Por iso apoian que se soliciten os recursos necesarios ao Goberno central, a normalización dos procedementos e o rexistro de concesións, que darán maior seguridade xurídica a todos os actores implicados".

Tamén aplauden "contar cun sistema de coordinación tanto na propia administración autonómica, xa que numerosos departamentos teñen competencias e funcións con repercusión directa no litoral e as súas xentes, pero tamén cun ámbito de coordinación e participación dos sectores implicados, cos que o diálogo e a cohesión é xa moi estreita".

Rematan dicindo que estarán atentos á iniciativa do Goberno do Estado respecto da modificación ou elaboración dun novo Regulamento da Lei de Costas, que, subliñan, "en ningún caso debe supor un paso atrás no avanzado coa normativa autonómica". Así mesmo, esperan que "sexa obxecto de consulta e diálogo con todas as partes implicadas e que teña en consideración as especiais circunstancias de Galicia e en particular do sector mar industria. Por todo iso, necesitamos unidade de acción en Galicia e o apoio e compromiso de todos sen fisuras, ao redor da sustentabilidade ambiental económica e social da nosa costa".

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.