CEG

 

Juan Manuel Vieites traslada ao reitor da UVigo a necesidade de adecuar a oferta formativa ao mercado laboral en continua evolución

Reunión co reitor da UVigo, Manuel Reigosa -Foto cedida polo departamento de prensa da reitoría da universidade de Vigo

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, reuniuse esta mañá co reitor da  Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, co obxectivo, entre outros, de trasladarlle a necesidade de adecuar a oferta formativa ao mercado laboral en continua evolución,  máxime nas circunstancias nas que nos atopamos por mor da pandemia derivada do COVID-19.

Neste sentido, Vieites brindoulle a maior colaboración para o desenvolvemento de proxectos conxuntos entre o ámbito empresarial e o académico non só a través da UVigo –coa representación da CEG no  Consello Social da Universidade-, senón tamén da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), entidade membro do Consello Asesor da CEG, e en cuxo Padroado se atopa a UVigo.

Ambos acordaron establecer estratexias para achegar o mundo da empresa ao alumnado universitario a través da implementación de actuacións de interese para o alumnado que desenvolvan o espírito emprendedor; a participación dos técnicos e directivos das compañías nas aulas; a consulta ás empresas acerca dos coñecementos e competencias que se van a demandar aos profesionais do futuro; e o bo plan de prácticas curriculares e  extracurriculares nas empresas para todas as titulacións universitarias que complementen a formación académica do alumnado,  empoderando a figura do “titor de empresa”.

 

 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.