A CEG propón á Federação das Indústrias do Estado da Bahia conformar unha plataforma estable de cooperación empresarial que facilite o intercambio tecnolóxico, misións comerciais e proxectos conxuntos de formación especializada e atracción de investimentos
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) mantivo un encontro coa Federação das Indústrias do Estado da Bahia, para fortalecer os vínculos empresariais, industriais e marítimos entre Galicia, España e o Estado de Bahia.
Na cita participaron o presidente da Asociación Náutica da Bahia, Santiago Campo; o vicepresidente de AGAN Plus, Asociación Galega de Actividades Náuticas, Manuel Fernández; o gran mestre da Confraría Europea da Vela, Francisco Quiroga; o responsable de Relações Corporativas e Governamentais de SENAI-CIMATEC-FIEB, Walter Pinheiro; e o director da ANB para a Península Ibérica e director institucional da Confraría Europea da Vela para Brasil, Manuel Hermida.
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, explicou que “o obxectivo da reunión responde á vontade de crear pontes de colaboración empresarial e tecnolóxica entre dous territorios cunha profunda identidade marítima e con grandes oportunidades de crecemento azul sustentable. Mesmo máis, crear unha alianza empresarial atlántica entre Galicia e Bahia baseada na economía azul, a innovación industrial e o desenvolvemento sustentable”.
O desenvolvemento dun novo polo industrial e marítimo de Bahia abre unha oportunidade histórica para integrar coñecemento, innovación e cadeas de valor relacionadas co océano. Un polo industrial e marítimo que pode converterse nunha referencia en América Latina para sectores como a construción naval, as enerxías renovables mariñas, a loxística portuaria, a pesca avanzada e os servizos vinculados ao océano.
Baía xa é un dos grandes polos enerxéticos de Brasil, especialmente en xeración eólica, cunha capacidade instalada próxima aos 11,8 GW, centos de proxectos en operación e unha cadea industrial que mobilizou investimentos superiores aos 70.000 millóns de reais.
Galicia comparte unha realidade similar. Dispoñendo dunha industria naval histórica, empresas auxiliares altamente especializadas, unha das frotas pesqueiras máis importantes de Europa e unha crecente aposta polas enerxías renovables.
Vieites afirma que “dende Galicia queremos compartir modelos de cooperación e explorar proxectos conxuntos en áreas como no sector náutico é que representa unha industria xeradora de emprego, innovación e actividade económica. A experiencia galega en construción, reparación, mantemento, formación profesional e xestión de actividades náuticas pode contribuír ao desenvolvemento dun ecosistema náutico competitivo en Bahia”.
Nese sentido, detalla que se aposta por impulsar: formación especializada en profesións marítimas; desenvolvemento de portos deportivos e servizos asociados; industria auxiliar náutica; turismo marítimo sustentable; e cooperación entre asociacións empresariais e entidades formativas.



En canto ao futuro enerxético do Atlántico pasa necesariamente polas enerxías renovables mariñas. Sendo fundamental que o desenvolvemento enerxético veña acompañado de industria local, transferencia tecnolóxica e xeración de emprego cualificado. Di que a combinación entre o potencial natural de Baía e a experiencia industrial europea pode xerar oportunidades en: eólica mariña offshore; fabricación e mantemento de compoñentes; servizos marítimos especializados; enxeñaría e formación técnica; e investigación e innovación aplicada.
Sobre a construción naval asegura que representa unha actividade estratéxica para a soberanía industrial e para o desenvolvemento económico das rexións marítimas. Cren que existen posibilidades de colaboración en: construción e reparación naval; embarcacións para pesca, transporte marítimo e servizos offshore; dixitalización de procesos industriais; novos materiais e eficiencia enerxética; e formación de traballadores especializados.
Así mesmo, propoñen avanzar en: innovación pesqueira; formación de profesionais do mar; novas tecnoloxías para a sustentabilidade; mellora de cadeas de valor; economía circular vinculada a produtos mariños. E por iso fan unha proposta de futuro: Alianza Atlántica Galicia-Bahia, unha plataforma estable de cooperación empresarial que facilite o intercambio tecnolóxico entre empresas; misións comerciais e encontros B2B; proxectos conxuntos de innovación; formación especializada; e atracción de investimentos.
“Estamos convencidos de que Bahia pode converterse nun referente latinoamericano de industria marítima avanzada, sustentable e innovadora, e queremos achegar a nosa experiencia para que este proceso sexa unha realidade. Non estamos aquí unicamente para falar de oportunidades; estamos aquí para construír proxectos”, conclúe Vieites.
Dende ambas as partes esperan deste encontro sexa o inicio dunha etapa de colaboración estable e sólida, duradeira; con proxectos concretos e beneficios compartidos para as empresas, territorios e sociedades das dúas rexións.
Foment del Treball e a CEG impulsan o Cumio Empresarial Cataluña-Galicia en Barcelona
Ler máis
Contacta coa
CEG