A presidenta da Fundación CEOE, Fátima Báñez; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites; e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acaban de subscribir un acordo para crear un marco de colaboración no que axilizar o desenvolvemento de proxectos entre as partes, entre eles o reforzo da campaña de vacinación ou o desenvolvemento de proxectos solidarios para colectivos vulnerables, no marco dun acto ao que tamén asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; e o presidente de CEOE, Antonio Garamendi.
Concretamente, a partir da posta en marcha do Plan Sumamos, a CEG, co apoio da Fundación CEOE, amplificará e reforzará as actuacións das autoridades sanitarias de Galicia, poñendo as ferramentas e medios ao alcance das empresas.
A vacinación masiva para alcanzar o 70% de inmunidade na poboación é actualmente o principal obxectivo para loitar contra a pandemia e recuperar a normalidade social e económica.
Neste sentido, Juan Manuel Vieites subliñou que “a colaboración público-privada é clave para a recuperación, resultando a súa actuación conxunta fundamental para conseguir que a reconstrución do escenario post- covid sexa unha realidade canto antes”.
Así mesmo, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia resaltou a encomiable tarefa de responsabilidade e solidariedade que levaron a cabo desde pequenas empresas ata grandes compañías, achegando o seu granito de area para protexer a traballadores, provedores e clientes e traballando de forma colaborativa nun dos maiores retos dos últimos tempos”.
Por iso, saudou con profunda satisfacción este paso adiante do Goberno de Galicia ao asinar coa Fundación CEOE e CEG este acordo, polo que as empresas serán escenario de saúde e colaboración para controlar a pandemia. “Os empresarios somos, como se pon aquí de manifesto unha vez máis, aliados da Administración para loitar contra a COVID-19”, sinalou.
Pola súa banda, o presidente de CEOE, Antonio Garamendi, destacou a vontade de colaboración das empresas para axudar desde o inicio da pandemia coas administracións.
Plan Sumamos. Saúde + Economía
O Plan Sumamos da Fundación CEOE contempla un conxunto de cinco iniciativas mediante as que as empresas poden axudar, que van desde o testeo (prestando apoio para a realización de test masivos nos seus centros de traballo, doando recursos, material e espazos); o rastrexo (apoiando a adopción masiva da aplicación Radar COVID mediante campañas de comunicación aos traballadores, provedores ou clientes); ata iniciativas de comunicación, atención aos colectivos máis vulnerables ou a vacinación.
Coa adhesión ao Plan Sumamos, a CEG quere lograr o tan necesario equilibrio entre saúde e economía, un binomio para o que hoxe se puxeron unhas vimbias fundamentais de colaboración público-privada, entre os empresarios de Galicia e o Goberno rexional.