Serie tomando como “soporte” famosos refráns e expresións típicas de Galicia.
Cap. I: Nunca choveu que non escampara.
Cap. II: Outra vaca no millo.
Cap. III. Nin arre nin xo.
Cap. IV. Malo será.
Cap. V. Estar na horta e non ver as verzas.
Cap. VI. Galiña vella fai bo caldo. Cap. VII. Tarde piaches!
Cap. VIII. Ser un toxo.
Cap. IX. Chegar e encher.
Cap. X. Marcho que teño que marchar.
Cap. XI. Onde vai!
Cap. XII. E logo?!
Comezamos aclarando o seguinte:
Non, non se traduce nin por “¿y luego?” nin por “¿y después?”
Porque con esta expresión característica das persoas galegofalantes, non se pregunta nin que pasou nin que virá despois. Pídese máis información, máis detalles sobre o tema do que está a falar a persoa interlocutora. Independentemente do contexto (en cada un deles, terá o seu: preguntar a razón de algo, pedir máis información, solicitar ratificación, querer facer énfase, etc.)
Podería corresponderse con “e iso?”, ou cun sinxelo “por?”. Iso si, expresado en galego “pura cepa” (si, é verdade, sabémolo, o noso “e logo?” acostuma a desconcertar a quen non sexa da nosa terra).
E, como xa dixemos que serve para todo tipo de contextos, aló vamos coa igualdade no ámbito laboral. Ímolo ver cun exemplo, inventando unha conversación entre colegas de traballo:
• Persoa A. Pedinlle ao meu xefe media hora de flexibilidade horaria na entrada a traballar para poder deixar á nena na clase, e díxome que non.
• Persoa B. E logo?
Dependendo do resto da conversación, pode significar (entre outras posibilidades):
- Por que che dixo que non?
- Por que necesitas levar ti a nena?
- Pasou algo para que agora teñas que levala?
Asemade, se se usa cun matiz exclamativo podería equivaler a “sen dúbida”, “naturalmente”.
De forma gráfica, no mesmo exemplo, poñamos que a persoa B sabe que a persoa A vai facer esa solicitude, e, cando regresa, pregúntalle:
• Persoa B. Denegoucha?
• Persoa A. E logo! (aquí, cambia a entoación, e tamén o significado, que sería: por suposto, naturalmente).
Eliximos este exemplo por dous motivos:
1. Está expresado sen xénero (pode facer a petición tanto a nai como o pai), e vainos valer para que cada persoa se pregunte se dou por feito o xénero das persoas interlocutoras, e así poderemos estar ante estereotipos ocultos…).
2. Para saber se vos (que estades lendo isto) o primeiro que pensastes foi: Por que non?
Reflexionemos. Temos moi pouca información sobre a situación concreta:
- Non sabemos a idade da nena
- Non sabemos a hora de entrada da persoa
- Non sabemos o tipo de flexibilidade que se solicita
- Non sabemos a actividade da empresa
- Non sabemos que tipo de “clase” é a da nena (escola, deporte, idiomas...)
En resumo: non estamos en situación de poder “avaliar” a resposta.
• Podería ser que esa persoa teña un posto de traballo non susceptible de flexibilidade que xustifique a negativa.
• Podería ser que a empresa dixese que non a esa solicitude pero que lle ofrecera outra alternativa á persoa solicitante.
• Podería ser que a nena teña unha idade na que xa non precise que a leven a esa clase.
• Podería ser que a “clase” fose de calquera temática de interese privado e singular, que non xustifica unha solicitude de flexibilidade na hora de entrada.
Porque recoñecédeo, aínda que non vos decatárades de que tiñades moi pouca información á maioría de vos pasouvos polo pensamento algún tipo de xuízo no que se prexulga e completa a situación, neste caso sobre conciliación da vida laboral, persoal e familiar.
E iso tamén é un estereotipo, amiguiños/as...
e logo non?
Se precisas apoio ou apoio técnico, podes contactar co no noso Gabinete de Igualdade:
igualdade@ceg.es
981 555 888