CEG

 

O presidente da CEG, partidario de crear unha sociedade mercantil con capital privado-público para identificar "proxectos tractores e solventes” no marco dos fondos europeos

Encontro online organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia. Fotografía da entidade

Aproveitar a oportunidade que abren os fondos europeos para “unha urxente reindustrialización de Galicia, que chegue ao 20%, con incentivos atractivos para os investidores e menos carga burocrática” é un dos principais puntos de mira do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, postos de manifesto no encontro en liña, celebrado esta tarde, organizado pola Asociación de Periodistasde Galicia. 

Para optimizar eses fondos, Vieites mostrouse partidario de constituír unha sociedade mercantil de capital privado-público, que reforce a Oficina do Igape, para optimizar a oportunidade que representan os fondos europeos na reactivación da economía de Galicia. Trátase de identificar e avaliar “proxectos que sexan tractores e outros que, aínda que de menor tamaño, sexan solventes”, segundo explicou.

Durante o encontro informativo, moderado polo director do Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez, Vieites sinalou que os 150.000 millóns previstos é unha cantidade relevante “considerando que é para gasto produtivo”. 

Galicia ten que ser un territorio atractivo para o investimento nun momento no que o modelo está a cambiar e obriga a orientar os investimentos e os recursos humanos a outros ámbitos, entre os que o presidente da CEG apuntou a “a dixitalización, a biotecnoloxía, a economía verde ou a economía circular”.

Esa reindustrialización e a recuperación da economía tras a pandemia pasan tamén, en palabras de Vieites “ademais de por unha maior énfase na cultura da dixitalización, por outorgar maior importancia á FP, incentivando a FP Dual”.

Sobre o seu recentemente estreada responsabilidade á fronte da CEG, sinalou que a súa estratexia baséase en seguir unha liña de integración e consenso, “que ata o de agora foi bastante sinxelo levar a cabo, a pesar dalgún verso solto, pero pequeno”, matizou. Un plan estratéxico e unha folla de roteiro, xunto á boa sintonía que percibe o presidente da CEG coa Administración autonómica e a central son, segundo explicou Juan Ramón Vieites, as bases que rexerán o seu mandato “para unha representación forte do empresariado de Galicia”.

 

 

 

TwitterFacebook

Usamos cookies no noso sitio web para soportar características técnicas que melloran a súa experiencia de usuario.

Tamén usamos servizos de análise e estatísticas.