O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, participou na reunión anual da Asemblea Xeral ordinaria da CEOE e desde alí puxo en valor a unidade empresarial.
Nese sentido e no que a Galicia respecta pediu unidade entre empresarias e empresarios galegos e insiste en que os gobernos estatal e autonómicos, como os locais ou outras institucións, incluídas as europeas, non poden ignorar o valor do empresariado.
"Valores como o respecto, a lealdade, a concordia son prioridades empresariais, o artigo 7 da Constitución española como o noso marco. Vivimos un momento no que hai grandes brechas de competencia, con prezos da enerxía moi cambiantes. É preciso fomentar a colaboración público privada e unha maior interrelación con Europa e as axudas que dela proveñen, para sacarlle o maior proveito para o conxunto do país e en particular no que se refire a Galicia", explicou.
Así mesmo, quixo subliñar que "as empresas son o motor económico e un piar fundamental. Hoxe máis que nunca é preciso dar unha imaxe de unidade, cremos no noso país e para que España progrese con independencia e sentido de estado debemos desenvolver a nosa actividade e o devir político, económico e social nun clima de respecto, tamén á empresa. Os ataques teñen que cesar. A nosa postura é firme, defendemos o valor da empresa na economía. O noso labor é xerar máis actividade e emprego, arriscando os nosos recursos".
Por iso, insistiu "esiximos un marco regulatorio que achegue seguridade xurídica, a redución da burocracia e maior coordinación entre administracións, que promova a creación de novas empresas, a creación de emprego e en definitiva potencie a actividade económica e a xeración de valor".
Por último, advertiu que "necesitamos unha política orzamentaria sustentable e non máis cargas ás empresas que lastran o crecemento económico. A redución da presión fiscal e das cotas á Seguridade Social é unha demanda que trasladamos a todos os grupos parlamentarios con representación en Galicia e que a uns días das eleccións é necesario insistir".