A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) acaba de asinar un convenio de colaboración con Ibermutua, Mutua colaboradora coa Seguridade Social, cuxo obxectivo é o de facilitar a divulgación adecuada das novidades normativas en materia de Seguridade Social, con especial dedicación ás prestacións responsabilidade da Mutua, a través de distintas canles de comunicación.
O documento subscrito prevé o intercambio de información entre profesionais de ambas as entidades para a posta ao día das novidades en materia de xestión da Seguridade Social relacionada coas coberturas que presta Ibermutua.
Ademais, ambas as partes colaborarán na organización de xornadas relativas á xestión da Seguridade Social no referente ás coberturas que efectúa a Mutua. Estas sesións irán dirixidas ao colectivo protexido por Ibermutua do ámbito de actuación da CEG.
Ibermutua tamén poñerá ao dispor da Confederación de Empresarios de Galicia a documentación específica en materia de xestión da Seguridade Social e informaralle de todas as novidades normativas relativas a esta materia.
O convenio foi subscrito hoxe por Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia e por Javier Flórez Arias, director territorial de Ibermutua galega. Na firma estivo presente tamén Alejandra Garrido Fernández, subdirectora territorial de Ibermutua galega.
Sobre a CEG
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), constituída no ano 1981 por común acordo das catro Confederacións Provinciais de Empresarios, é unha organización privada, independente, sen ánimo de lucro e de afiliación voluntaria, cuxo obxectivo principal é fomentar o sistema de iniciativa privada e a economía de mercado na Comunidade Autónoma galega.
Desde a súa creación, é membro da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e da Confederación Empresarial da Pequena e Mediana Empresa ( CEPYME).
Como entidade ao servizo da comunidade empresarial, a actividade da CEG céntrase na representación e defensa dos intereses xerais do empresariado ante as institucións, organismos públicos e axentes sociais.
Sobre Ibermutua
Ibermutua é unha entidade colaboradora coa Seguridade Social de ámbito nacional, que depende do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, así como da Secretaría de Estado da Seguridade Social e Pensións, cuxa actividade consiste na cobertura das continxencias profesionais (accidente de traballo e enfermidade profesional), que inclúe a asistencia sanitaria, a rehabilitación, o abono da prestacións económicas derivadas do accidente de traballo e enfermidade profesional - e a mellora das condicións de traballo e saúde nas empresas-; a xestión da incapacidade temporal (baixa laboral) por continxencia común (enfermidade común e accidente non laboral); e a protección por cesamento de actividade dos traballadores autónomos.
A Mutua conta con preto de 120 centros propios distribuídos por toda a xeografía española e protexe a un colectivo de máis de 1,5 millóns de traballadores, e ao 9% dos autónomos do noso país, dando cobertura a preto de 170.500 empresas e situándose como a terceira maior Mutua Colaboradora coa Seguridade Social por cota de mercado.
Na Comunidade Autónoma de Galicia, Ibermutua conta coa rede de centros e servizos máis ampla e mellor dotada do sector, con preto de vinte centros asistenciais e administrativos nesta Comunidade.