A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) reuniuse cunha delegación do sector ferroviario de COOO para coñecer a súa visión sobre a situación do ferrocarril en Galicia e as actuacións que para o sindicato sería preciso acometer co obxectivo de mellorar o servizo.
No encontro, solicitado por COOO, a representación sindical entregou á patronal un documento coas principais necesidades e propostas á súa parecer, elaborado tras coñecer que o 2021 foi declarado Ano Europeo do Ferrocarril, motivo polo cal a Comisión Europea ha previsto destinar fondos para a mellora da rede en toda Europa.
Neste sentido, e co obxectivo de dar resposta ás necesidades da poboación e das empresas, CCOO pide destinar fondos á mellora dos trazados, a construción de variantes e a electrificación das liñas que polo momento non están, co obxectivo de mellorar tempos e frecuencias.
Pola súa banda, a CEG –consciente de que os fondos e programas europeos ofrecerán unha nova oportunidade de apostar por unha maior cohesión territorial de Galicia co resto de Europa e pola dotación de servizos que atraian empresas e contribúan a combater o déficit xeográfico- considera imprescindible o seu correcto aproveitamento para garantir unha rede de ferrocarril competitiva e de calidade tanto para os viaxeiros como para as mercadorías en Galicia.
Neste sentido, a Comisión de Infraestruturas da organización empresarial galega está a traballar na elaboración dun documento coas infraestruturas prioritarias para Galicia, entre as cales se inclúen as ferroviarias, e que verá a luz nos próximos días.
A organización empresarial considera fundamental que as infraestruturas prioritarias e en particular as referidas ao ferrocarril sexan apoiadas de modo unánime por toda a sociedade galega e en particular debe contar co consenso dos interlocutores económicos e sociais e das administracións, dado o seu papel esencial no desenvolvemento de Galicia.