O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, mantivo un encontro esta mañá co titular da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, para trasladarlle as propostas da patronal ao redor da recuperación económica do tecido produtivo ourensán, nunha sorte de reforzo nalgúns puntos a peticións trasladadas anteriormente pola Confederación Empresarial de Ourense.
E é que para Vieites, que acudiu á reunión acompañado de Marisol Novoa, a súa homóloga na CEO, “é fundamental contar cunha planificación estratéxica en Galicia que aborde o desenvolvemento industrial da nosa comunidade autónoma e os retos da descarbonización, dixitalización, envellecemento activo, incremento da produtividade, reindustrialización e coyunturalmente afrontar a pandemia e os seus efectos”.
Neste sentido, o representante da patronal galega apelou ás necesidades dos sectores económicos de maior importancia para a provincia, como a construción “para o desenvolvemento do cal son precisas medidas que promovan e reforcen o papel do sector como xerador de emprego e riqueza, impulsando a rehabilitación, axilizando a tramitación das licenzas administrativas, impulsando a renovación e rehabilitación nos edificios e dinamizando a obra pública a prezos de mercado”. Tamén abordou a industria da pedra natural -a comarca ourensá de Valdeorras depende economicamente en gran medida da actividade extractiva e comercial da pedra- que debe ser apoiada e promovida tanto na súa modernización e potenciación como na súa promoción e comercialización”.
No que respecta ao sector agrogandeiro –e no que se inclúen subsectores como o do aceite, o cárnico, a castaña ou o viño, de gran importancia económica e social para a provincia- e ao forestal, Ourense “necesita dun plan de desenvolvemento que contribúa a un maior e mellor aproveitamento da súa capacidade produtiva e de xeración de valor”.
Por último, e no que respecta a a industria do turismo, “é preciso promover e impulsar desde todas as instancias a súa posta en valor e promoción ao redor do termalismo, o patrimonio natural e cultural da Ribeira Sacra e a súa posta en valor asociada á candidatura como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, ou o Camiño de Santiago ao seu paso polo territorio ourensán”, aduciu Vieites.
Investimento público e infraestruturas de transporte
Noutra orde de cousas, e segundo o presidente da CEG, “Galicia debe apostar e conseguir un plan no que se integren as infraestruturas de transporte pendentes, como elemento crave de competitividade da nosa comunidade autónoma”. Neste sentido, “Ourense precisa a finalización das de acceso á comunidade por ferrocarril e de vertebración co resto de Galicia, atraendo así investimentos produtivos e poboación”.
Entro outras, Vieites defende que a construción da nova terminal de ferrocarril para as mercadorías no Polígono de San Cibrao -o de maior superficie de Galicia-, así como a renovación e dotación dos seus equipamentos, debe ser unha absoluta prioridade a abordar; tamén a terminación do AVE a Galicia coa execución do último tramo entre Taboadela e Ourense; ou a aprobación do PXOM de Ourense.
Dixitalización do medio rural
Por outra banda, non debemos esquecer facer unha aposta decidida pola dixitalización do medio rural, garantindo o acceso á telefonía e Internet de alta velocidade en todo o territorio, para facilitar o desenvolvemento en calquera punto de actividades empresariais viables.
Segundo o presidente da organización empresarial galega “o coronavirus promoveu o traballo e a volta ás vivendas no rural, e para que poidan realizarse e propiciarse ambos os extremos nunha provincia como Ourense, é necesario que todo o territorio estea conectado por banda ancha e a velocidade adecuada”.
O apoio á internacionalización das empresas galegas; a promoción dun maior nivel de investimento tanto público como privada en I+D+i como base dun desenvolvemento sólido do tecido empresarial; a aposta por un modelo que reduza e simplifique a fiscalidade; ou a promoción da cultura emprendedora e a aposta pola xeración de novas empresas como elementos crave para o desenvolvemento económico e social de Galicia foron outros dos asuntos abordados durante o encontro.
Reunión coa Xunta Directiva da CEO
Tras visitar o Pazo Provincial, Juan Manuel Vieites, que acudiu esta mañá por primeira vez á Confederación Empresarial de Ourense desde que fose elixido presidente, mantivo igualmente unha reunión cos membros da súa Xunta Directiva co fin de tratar temas de interese para o colectivo empresarial, así como as distintas xestións e accións que a CEG está a levar a cabo no seu papel intermediario cos poderes públicos. Igualmente, os empresarios abordaron co presidente da patronal galega temas de interese para a provincia, así como de ámbito galego, co fin de pulsar a situación actual dos mesmos.